Coordinador validador, de acceso, das solicitudes, vinculado... que é todo isto?

21/05/2009

É habitual a dúbida (tanto polas autoridades competentes finais como polos propios coordinadores) sobre que papel xogan os diferentes tipos de coordinador cos que pode ter relación unha autoridade: coordinador validador, coordinador de acceso a unha área lexislativa, coordinador das solicitudes ou un simple coordinador ‘vinculado’.

Para cada autoridade no sistema IMI defínese un único coordinador validador. Ademais por cada ámbito lexislativo (por cada directiva) cóntase cun único coordinador de acceso e un ou máis coordinadores das solicitudes, ademais de poder vincular outras autoridades ou coordinadores como simples observadores. É esta unha cuestión que dificilmente se chega a presentar / entender suficientemente na formación, polo que nos ocupamos dela no boletín 2, que copiamos aquí (se desexa ler esta información ilustrada con capturas de pantalla, acuda ao <boletín n2>).
 
O “Coordinador validador (responsable do rexistro e a xestión de datos)” é, polo menos inicialmente, aquel que creou á autoridade dentro do sistema por primeira vez. Só existe un para cada autoridade (non distingue de ámbitos lexislativos), e está capacitado para cambiar o nome oficial da autoridade, así como para ‘reiniciar’ os contrasinais dos usuarios administradores das autoridades para as que é validador. É factible trasladar este rol a outro coordinador se chegase a ser necesario. Localízanse os seus datos no separador ‘Autoridade’.
 
Adicionalmente por cada ámbito lexislativo (por cada directiva) pódense definir un único coordinador de acceso e un ou máis coordinadores das solicitudes.
 
Un único “Coordinador de acceso (responsable do acceso ao ámbito lexislativo)”, que é, polo menos inicialmente, aquel que autorizou o acceso da autoridade a un ámbito lexislativo dado. Varias posibles autoridades competentes ou coordinadores vinculados, con acceso (simple monitorización) a un resumo xeral das solicitudes cursadas neste ámbito lexislativo. Localízanse os datos do coordinador de acceso e das autoridades vinculadas para cada directiva no separador ‘Parámetros’ -> ‘Información xeral’ do correspondente ámbito lexislativo.

Un ou varios “Coordinadores das solicitudes” (só nas autoridades competentes, non nos diferentes tipos de coordinador), son os que teñen capacidade de intervir nos procesos de escalado/supervisión. Localízanse os datos de coordinadores das solicitudes para cada directiva no separador ‘Parámetros’ -> ‘Solicitude de información’ do correspondente ámbito lexislativo.