María Rivas sinalou que “falar da Constitución é falar de liberdade, de respecto, de dereitos e de convivencia”

María Rivas sinalou que “falar da Constitución é falar de liberdade, de respecto, de dereitos e de convivencia”

06/12/2023

A subdelegada subliñou que a Constitución nos lembra que os valores do noso país son a liberdade, a xustiza a igualdade e o pluralismo político

A subdelegada destacou a importancia de achegar a Constitución á xente nova “porque é o centro do sistema político e do ordenamento xurídico do país”

María Rivas lembrou que “o noso deber, como representantes de todos os españois e españolas é actuar de acordo á nosa Constitución xa que é o marco da nosa convivencia”


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, iniciou a súa intervención afirmando que “a Constitución é a reserva natural dos nosos dereitos e liberdades”, e que aí reside a súa grandeza.

Na súa intervención, destacou que “a Constitución nos lembra que os valores superiores de España, como Estado social e democrático de Dereito, son a liberdade, a xustiza, a igualdade e o pluralismo político” e que por este motivo “a Constitución é de todas e para todas as persoas e xeracións”.

Nun acto que tivo lugar por primeira vez na sede da Subdelegación do Goberno na Coruña, un edificio que é parte da historia da Coruña, historia forxada ao redor dun faro e un porto; esta sede “hoxe é de novo protagonista da historia desta cidade liberal e progresista, aberta e viva, conciliadora e social”.
Así o afirmou no acto celebrado esta mañá, organizado co obxectivo de conmemorar o 45 Aniversario da Constitución Española de 1978, e no que tamén participou a alcaldesa do concello da Coruña, Inés Rey, así como outras autoridades.
Ao longo do seu discurso, a subdelegada remarcou a importancia de achegar a Constitución especialmente á xente nova “porque ao falar da Constitución falamos de igualdade, de educación, de convivencia, de dereitos e de obrigas, de liberdades e deber” e que por este motivo “é o centro do sistema político e do ordenamento xurídico de España”.

Neste sentido, María Rivas sinalou que “o noso deber, como representantes de todos os españois e españolas é actuar de acordo a nosa Constitución” xa que é o “marco da nosa convivencia”. Citando ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na súa recente toma de posesión, a subdelegada indicou que “só hai democracia dentro da Constitución, porque fóra dela e das súas regras non hai democracia, senón imposición e capricho”.

A subdelegada puxo en valor o compromiso do Goberno indicando que “é momento de avanzar. De avanzar nas políticas contra as desigualdades, de avanzar nas políticas que reforcen aínda máis o noso Estado do Benestar, de avanzar nas políticas que consoliden o crecemento económico do noso país. De avanzar na concordia”.

Rivas indicou que nese camiño é fundamental a colaboración, a cohesión e a lealdade institucional; a participación de todas e todos tal e como indica a Carta Marga, e agradeceu o papel dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado como *garantizantes da nosa liberdade e dos nosos dereitos.

A subdelegada do Goberno, quixo agradecer tamén a participación neste acto de dous escolares da provincia, que deron lectura a varios artigos da Constitución. Así, deuse lectura aos artigos relacionados coa igualdade, a liberdade de expresión, a educación e protección da infancia. Neste contexto, lembrou unha cita de Mandela cando dicía que “os nenos e nenas non só son o futuro da sociedade, senón o futuro das ideas”.