Pedro Branco pon Miño como exemplo do compromiso do Goberno cos concellos pequenos ao facilitarlle unha nova prórroga para o pago da súa débeda

Pedro Branco pon Miño como exemplo do compromiso do Goberno cos concellos pequenos ao facilitarlle unha nova prórroga para o pago da súa débeda

07/11/2023

O delegado do Goberno destacou que o Goberno de Pedro Sánchez está a facilitar as cousas aos concellos “mentres outros lles conxelan os fondos que precisan para prestar servizos públicos que en moitos dos casos nin tan sequera correspóndenlles”

O Ministerio de Facenda vén de ampliar o prazo de pago da débeda de Miño ata 2050, o que reducirá á metade o importe das anualidades e dotará de maior liquidez ao Concello para gasto e investimentos

Tamén atrasa de xuño a decembro o pago correspondente a 2023 e os sucesivos, que quedarán por baixo dos 500.000 euros fronte aos máis de 900.000 euros que tiña que pagar ata agora


 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, puxo hoxe o Concello de Miño como exemplo do compromiso que o Goberno de Pedro Sánchez está a mostrar co municipalismo, que se materializa en investimentos que chegan a todos e cada un dos concellos galegos e tamén en medidas como a que vén de adoptar o Ministerio de Facenda e Función Pública para rebaixar a carga da débeda que arrastra o Concello de Miño polas expropiacións da urbanización da extinta Fadesa na localidade.

Segundo explicou o delegado tras unha reunión co alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, á que tamén asistiu a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o Goberno vén de ampliar o prazo de pago da débeda do Concello ata 2050 (o anterior expiraba no 2043), o que na práctica vai permitir reducir á metade o importe das anualidades e dotar de maior liquidez ao Concello para gastos e investimentos que beneficien á cidadanía.

“Estamos a falar de dar liquidez aos concellos mentres outros lles conxelan os fondos que precisan para prestar servizos públicos que en moitos dos casos nin tan sequera correspóndenlles”, defendeu o delegado, que aproveitou para lembrar que “este Goberno está ao lado dos veciños e dos Gobernos locais, con diñeiro como os do Plan de Recuperación que chegan a todos e cada un dos concellos galegos”. “Nesa liña, na de mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da poboación, é na que imos seguir traballando”, concluíu.

Esta prórroga súmase á do ano 2020, na que o Goberno autorizara a ampliación do pago desa débeda en 10 anos. Ao ano seguinte, o Goberno volveu ampliar este prazo. Naquel momento, permitiu ao Concello que se acolleu a unha ampliación de cinco anos no período de pago da súa débeda e ademais, ao fusionar os dous créditos que tiña vixentes, o Ministerio de Facenda concedeulle outros dous anos de carencia, o que supuña de facto ampliar ata sete anos o prazo de devolución (ata o ano 2043).

Con estas medidas, o Concello pasou de pagar anualmente 1,7 millóns para amortizar os créditos a pagar 900.000 euros, o que representou un aforro de 800.000 euros anuais e un desafogo considerable financeiro para o Concello.

Agora, as novas condicións van permitir, dunha banda atrasar de xuño a decembro o pago correspondente a 2023 e os sucesivos e, por outra, reducir á metade, por baixo dos 500.000 euros, as anualidades.