José Miñones supervisa cos responsables de Garda Civil e Policía Nacional en Galicia a evolución do dispositivo conxunto de seguridade no paro do transporte

José Miñones supervisa cos responsables de Garda Civil e Policía Nacional en Galicia a evolución do dispositivo conxunto de seguridade no paro do transporte

28/03/2022

Os Corpos e Forzas de Seguridade deron cobertura, de forma coordinada, a máis de 4.100 camións en Galicia desde o inicio do paro

Durante o fin de semana mantivéronse vixiantes os dispositivos en polígonos e centros loxísticos e seguíronse realizando escoltas das empresas que así o solicitaron

O obxectivo é dar seguridade e apoio a quen queren exercer o seu dereito ao traballo e á mobilidade


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, supervisou hoxe cos máximos responsables dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado na Comunidade a evolución do dispositivo de seguridade conxunto despregado con motivo do paro do transporte. José Miñones reuniuse co xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez, e co recentemente nomeado xefe superior de Policía de Galicia, comisario Ramón Gómez, para repasar os resultados durante o fin de semana e as previsións para estas xornadas.

José Miñones destacou que a Garda Civil e Policía Nacional deron de forma coordinada cobertura a 4.107 vehículos en Galicia desde o inicio do paro do transporte. Trátase do número de camións e furgóns que foron escoltados de forma individual ou en convois ao longo de todo o territorio da comunidade.  

O delegado indicou que o Ministerio do Interior mantén o mesmo dispositivo de 2.000 axentes e gardas civís para atender os pedimentos e incidencias relacionadas co paro. Durante o fin de semana seguiron ofrecendo servizos de escolta e vixilancia ás empresas que o solicitaron así como, de forma xeral, en áreas industriais e centros de distribución e loxística.

José Miñones subliñou o contacto permanente que mantén a Delegación do Goberno e o catro subdelegacións provinciais cos sectores afectados por este paro, fundamentalmente con aqueles que requiren apoio para proseguir coa súa actividade.  

Durante a reunión agradeceu, a través dos seus máximos responsables,  o traballo desenvolvido nestes días polos axentes da Garda Civil e Policía Nacional en Galicia, co dobre obxectivo de dar seguridade ás mobilizacións e cobertura a quen queren seguir exercendo o seu dereito ao traballo e á mobilidade. Indicou que ata hoxe, luns, rexistráronse 13 detencións e 20 persoas investigadas. Ademais, outras 633 persoas foron identificadas.