José Miñones destaca a “unidade e coordinación” entre administracións e entidades como claves para dar unha resposta eficaz á crise humanitaria de Ucraína

José Miñones destaca a “unidade e coordinación” entre administracións e entidades como claves para dar unha resposta eficaz á crise humanitaria de Ucraína

14/03/2022

Fai un chamamento á prudencia e para canalizar toda a información de chegadas desde Ucraína a través das canles habilitadas polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións

O delegado do Goberno destaca o exemplo de solidariedade e *resiliencia que dan “unha vez máis” os concellos e deputacións galegas ante á crise humanitaria do conflito

Reunirase hoxe con ONG, Policía e Subdelegacións para garantir que se cumpran os novos prazos de recoñecemento dos permisos de traballo e residencia á xente desprazada

España lidera a nivel comunitario o pedimento de medidas para reducir o impacto do conflito na factura enerxética dos fogares e diminuír a dependencia enerxética de Rusia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou hoxe que “a unidade, a coordinación e a colaboración de todas as administracións públicas e entidades é imprescindible” para articular unha resposta eficaz crise humanitaria de Ucraína. O delegado desprazouse ata a sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) onde mantivo un encontro de traballo co seu responsable, Alberto Varela, a quen lle agradeceu a resposta “unívoca” dos concellos galegos ante esta nova crise humanitaria.

José Miñones e Alberto Varela repasaron as previsións e as medidas aprobadas para facilitar o acollemento á cidadanía de Ucraína que chegue a Galicia. O delegado destacou como os concellos galegos “actúan como primeiro muro de contención nesta crise” e unha vez máis dan exemplo de solidariedade e *resiliencia. Tamén remarcou a labor de información, canalización de axuda e de resposta que están a realizar a FEGAMP e os concellos “nestes primeiros días de incerteza”. “Como sempre, os galegos e galegas demostramos a nosa *empatía e que somos unha terra de acollida”, remarcou.

José Miñones fixo un chamamento para actuar con prudencia nesta crise e canalizar toda a información de chegadas de persoas procedentes de Ucraína a través das canles oficiais habilitados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Nestes momentos está habilitado xa unha canle oficial de información para os organismos públicos. Ademais está dispoñible un formulario web na dirección https://www.inclusion.gob.es/uk/ucrania/ e a dirección de correo electrónico apoyo.ucrania@inclusion.gob.es onde as empresas, entidades do Terceiro Sector, particulares, ou calquera outra entidade poden informar de calquera previsión de chegada de cidadáns ucraínos desprazados, e proporcionar os seus datos. Outra forma de contacto é o número de teléfono +34 91 047 4444 (liña gratuíta) para recibir información sobre acollida a cidadáns ucraínos, así como a cita para ser atendido nos centros de recepción.

Ambas vías, la web y la telefónica, proporcionan información también en el idioma ucraniano.

Reunións sectoriais

A reunión na Fegamp é a primeira das que manterá o delegado do Goberno nesta xornada ao redor da acollida de refuxiados e refuxiadas de Ucraína. En concreto, José Miñones manterá hoxe encontros sectoriais coa Asociación *ACCEM, a ONG que colabora co Goberno de España para xestionar esta acollida en Galicia; coa Policía Nacional, que se encarga de recibir as solicitudes da xente desprazada, e co catro subdelegacións do Goberno nas provincias, das que dependen as Unidades de Estranxeiría que expedirán os permisos de traballo e residencia de cada persoa.

Estas reunións sectoriais repetiranse de maneira periódica co obxectivo de avaliar a situación das persoas refuxiadas xa en destino e avanzar as previsións de novas chegadas para adaptar o dispositivo ás necesidades de cada momento, segundo as indicacións do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

O delegado lembrou que o Goberno acordou a semana pasada a redución ata as 24 horas do tempo de tramitación dos permisos de residencia e traballo para garantir a protección inmediata de mulleres e homes procedentes da Ucraína, en cumprimento da normativa aprobada pola Comisión Europea. De feito, España foi máis aló do mandato europeo ao estender esta protección á cidadanía da Ucraína que estivese xa en España no momento do ataque e non puidese volver ao seu país.

Medidas sobre a economía

José Miñones trasladoulle ao presidente da FEGAMP as medidas que está a adoptar o Goberno de España para paliar os impactos que está a ter o conflito da Ucraína sobre a economía de España e de Galicia.

En primeiro lugar, o Goberno de España lidera a presentación de medidas en Europa para reducir o impacto da alza dos prezos enerxéticos na factura dos fogares e para diminuír a dependencia enerxética de Rusia e, en xeral, dos combustibles fósiles.

En España, o Goberno contempla a transición enerxética como un dos eixos prioritarios do Plan de Recuperación e por iso dedica máis do 21% do total de fondos a investimentos cara a produción de enerxías limpas, o autoconsumo e a eficiencia enerxética. “Onte mesmo, o presidente do Goberno anunciaba a aceleración na execución dos fondos europeos deste Plan para adiantar esta transición enerxética imprescindible na nosa sociedade e economía”, apuntou José Miñones. Neste cambio, o delegado fixo un chamamento á Xunta para “estar a altura deste escenario excepcional respondendo con *lealtade institucional”.

A nivel orzamentario, o Goberno destina anualmente entre 10.000 e 12.000 millóns de euros para reducir a factura de luz e gas para colectivos vulnerables, dentro do escudo social despregado polo Executivo.

Xunto á enerxía, o Goberno traballa co sector primario para abordar o efecto da falta de materias primas, como os cereais e o aceite de *girasol. Nesta liña, o Executivo xa pediu á Comisión Europea que flexibilice a normativa de importacións e posibilite o uso de terras abandonadas para cultivos estratéxicos para o que é preciso modificar a Política Agraria Común.

O delegado anunciou que o Goberno está a traballar na aprobación dun Plan Nacional de Continxencia fronte aos efectos da guerra ao que se sumarán rebaixas de impostos aos sectores económicos máis afectados pola invasión da Ucraína, que se concretarán nos próximos días. Insistiu en que “estamos ante unha nova crise global que precisa actuacións a nivel local”, e na súa aplicación os municipios terán un papel protagonista, como o tiveron xa noutras crises pasadas.