Maica Larriba anuncia a licitación do proxecto que permitirá reparar o tramo derrubado do paseo de Sabarís

08/04/2021

A subdelegada do Goberno visitou esta maña a zona xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá xunto ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e ao enxeñeiro do Servizo Provincial de Costas en Pontevedra, Antonio Iglesias, a zona do paseo de Sabarís que será obxecto da primeira fase de recuperación desta avenida. 

Durante a visita, Larriba amosou a súa satisfacción “por poder dar por fin solución a este tramo do paseo”, que no ano 2018 sufriu un derrubamento, pero salientou que “o obxectivo e desexo do Goberno e do Concello é que a mellora da totalidade do paseo sexa unha realidade o antes posible”.

A subdelegada agarda que “a recuperación deste tramo, que leva xa un tempo en desuso, poida estar lista de cara o verán, que é cando mais uso ten por parte da veciñanza e dos visitantes”. O prazo previsto para a execución da obra é de 3 meses e está previsto licitala con carácter inminente. 

Pola súa banda, o alcalde de Baiona agradeceu “a implicación e compromiso da Subdelegada do Goberno e do Servizo Provincial de Costas co proxecto, que permitirá adaptar o paseo ás necesidades dos veciños e veciñas da parroquia de Sabarís”. Así mesmo, o alcalde explicou que “a reposición deste tramo será a primeira obra de mellora que se acometerá no paseo, cuxo acondicionamento levarase a cabo en diferentes fases que agardamos poidan estar rematadas antes do fin da lexislatura”

Reparación de zona derrubada

O pasado 23 de febreiro procedíase á aprobación técnica deste proxecto que, cun orzamento base de licitación de 199.114,18€, permitirá restituír os 50 metros do paseo derrubados no ano 2018. Con esta intervención poderase substituír o muro actual por un manto de escollera similar ao existente no resto do trazado do paseo cara ao suroeste. Ademais, procederase a retranquear aproximadamente 4 metros o tramo afectado, de xeito que o pé da escollera non ocupe máis superficie de marisma que o actual muro.

A reparación formúlase como unha primeira fase da reconstrución posterior do resto do paseo coa mesma tipoloxía de talud de escollera, razón pola cal no extremo oeste da reparación –no punto no que enlaza co muro existente- executarase unha escollera provisional que conteña lateralmente o valo de xeito temporal, ata que se proceda á reparación do resto da avenida.