José Miñones coordina con Policía Nacional e Garda Civil un dispositivo preventivo para garantir a operatividade do transporte nos centros loxísticos de Galicia

José Miñones coordina con Policía Nacional e Garda Civil un dispositivo preventivo para garantir a operatividade do transporte nos centros loxísticos de Galicia

09/11/2022

A vixilancia reforzarase en portos, polígonos e outras áreas de tránsito de mercadorías para garantir o dereito a traballar dos transportistas e a subministración a puntos de venda e áreas comerciais

A Delegación do Goberno manterá permanentemente informados os sectores afectados e ás organizacións empresariais


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reuniuse esta mañá cos responsables autonómicos da Policía Nacional e da Garda Civil para coordinar o dispositivo preventivo que garantirá a operatividade das comunicacións, especialmente nos principais centros loxísticos, con motivo da convocatoria dun paro por parte dunha plataforma minoritaria do sector do transporte. A reunión celebrouse á primeira hora da mañá na sede da Delegación do Goberno e terá continuidade esta tarde cunha reunión na que o delegado coordinará a resposta coas subdelegadas do Goberno na Coruña, Lugo e Pontevedra e o subdelegado do Goberno na provincia de Ourense.

As forzas e corpos de seguridade do Estado despregarán axentes en portos,  polígonos industriais e outras zonas de especial importancia loxística para vixiar o cumprimento do dereito a traballar dos transportistas en Galicia, e garantir a subministración a puntos de venda, supermercados e superficies comerciais.

Na reunión de hoxe participaron o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez Neto; o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil de Galicia, Miguel González Arias; e o xefe interino de Sector de Tráfico da Garda Civil, Jose Anxo Curral, ademais do propio delegado do Goberno. José Miñones destacou que se manterá permanentemente informados os sectores afectados e ás organizacións empresariais.