José Miñones destaca o revulsivo que supón o apoio do Goberno á promoción do turismo sustentable no destino Ourense Termal

28/12/2021

O proxecto ourensán recibirá unha achega do Goberno de 1,3 millóns de euros para un investimento de 3 millóns

Forma parte do compromiso do Goberno coa promoción turística de Galicia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe o importante revulsivo que suporá para a provincia ourensá a aposta do Goberno pola promoción do turismo sustentable no destino Ourense Termal. Fixo estas declaracións ao anunciar que o Boletín Oficial do Estado acaba de publicar  a resolución da Secretaría de Estado de Turismo que informa o convenio que asinou o Goberno coa Comunidade Autónoma de Galicia e a Deputación de Ourense para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal.

O delegado explicou que o apoio do Goberno a este proxecto enmárcase na súa aposta pola dinamización económica da provincia de Ourense e o compromiso coa promoción turística de Galicia. Así, destacou que a inclusión do proxecto Ourense Termal no Plan de Sustentabilidade Turística suporá unha inxección económica por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de 1.350.000 euros para un proxecto que mobilizará un orzamento total de 3.099.250 euros, tal como estipula o convenio.

Miñones, que se reuniu recentemente co presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, para avanzar este compromiso, remarcou que este proxecto é un exemplo de colaboración institucional, pois o Goberno apoia economicamente unha iniciativa da Deputación de Ourense que conta tamén co apoio da Xunta, para que se poida desenvolver un proxecto que supón unha importante oportunidade para a provincia.

Co Plan de Sustentabilidade Turística en Ourense Termal trátase de pór en valor uno dos grandes atractivos da provincia como é o sector termal. Tal como destaca o convenio asinado pola Secretaría de Estado de Turismo coa Axencia de Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense, o proxecto ten o obxectivo de construír unha imaxe de Ourense como destino sustentable a través da consolidación dos territorios termais-rurais, e erixirse como proba piloto para a posta en marcha de estratexias innovadoras de desenvolvemento local sustentable baseadas no termalismo.