Isabel Rodríguez asegura que la Constitución es el andamio de la democracia y pide a los lucenses que sigan defendiendo una sociedad que dé cabida a todas las personas

06/12/2021

A Subdelegación retoma a celebración do Aniversario da Constitución cun acto ao que asistiron a alcaldesa de Lugo, o presidente da Deputación e o delegado da Xunta, xunto cunha representación da Administración do Estado na provincia e no que catro nenas leron o Título Preliminar da Carta Magna

Rodríguez destaca que a Constitución “é o instrumento do que nos dotamos para dar protección a todos os cidadáns e para asegurar a dignidade das persoas”

A subdelegada anima aos lucenses a “renovar a súa aposta polo *díálogo, a convivencia e a felicidade das persoas”


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou hoxe, con motivo da celebración do 43 Aniversario da Constitución,  que a Carta Magna é a “ estada que nos permitiu construír o edificio da democracia española” e pediulle aos lucenses que “ defendan unha sociedade na que todas as persoas teñan cabida”.

A Subdelegación do Goberno retomou hoxe a conmemoración do aniversario da Constitución, logo da paréntese de 2020 debido á pandemia, cun acto  moito menos numeroso do adoitado, no que estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José  Tomei; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e representantes da Administración Xeral do Estado na provincia. Ademais, contouse coa presenza de catro nenas, familiares de traballadores da Subdelegación que deron lectura ao Título Preliminar da Constitución.

No seu discurso, a subdelegada do Goberno agradeceulles ás nenas Nuria, *Xiana, Paula e Natalia que renunciasen ao descanso nunha xornada festiva para colaborar no acto. “Quixemos contar coa súa axuda porque elas serán protagonistas do futuro e coa súa presenza damos simbolismo a esta celebración, breve e modesta, coa que festexamos a Constitución.

Rodríguez explicou que “esta conmemoración está moi lonxe dos actos sociais que sempre acolleu a Subdelegación do Goberno para celebrar con todos os lucenses o Aniversario da Carta Magna, pero consideramos que este ano era prudente priorizar a seguridade e a saúde sobre a vistosidade do acto”.

“A nosa Carta Magna, que xa cumpre 43 anos, é froito dun gran pacto social asinado para garantir a xustiza, a liberdade e a seguridade”, destacou Isabel Rodríguez.

Remarcou que se trata do “instrumento do que nos dotamos para consolidar en España o Estado de Dereito, para dar protección a todos os cidadáns e asegurar a dignidade das persoas, garantindo a igualdade e que non poidan producirse discriminacións de ningún tipo por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión”.

A subdelegada afirmou que “grazas á Constitución, e á xenerosidade dos seus redactores, puidemos pór en pé un dos máis longos períodos de convivencia democrática en España. Por iso, o aniversario do gran texto legal no que se fundamenta a nosa democracia merece ser celebrado”.

Fixo referencia tamén á pandemia ao subliñar que “neste tempo fomos capaces de traballar xuntos para salvar obstáculos como a grave crise sanitaria contra a que levamos loitando case dous anos, e na que os servizos e os traballadores públicos demostraron que son imprescindibles para a sociedade”.  Rodríguez reiterou a súa gratitude a todos os empregados da Administración do Estado e do resto de administracións públicas polo esforzo realizado na provincia.

Para finalizar a súa intervención, a subdelegada animou a todos os cidadáns da provincia “a proseguir na defensa dunha sociedade na que todas as persoas teñan cabida, na que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades e dereitos, na que as novas e os mozos poidan estudar e traballar, e na que as nenas e os nenos poidan xogar e soñar. En definitiva, unha sociedade que renova a súa aposta polo diálogo, a convivencia e a felicidade das persoas”.