DISCURSO DO DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA, ANTÓN LOURO, NA ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME FOTOTRABALLO 2009

O delegado inaugurou a exposición de fotografías da gañadora do certame Fototraballo 2009

05/10/2010

Quero comezar estas breves palabras agradecendo á Fundación Nortempo e, en especial, a Bartolomé Pidal, presidente do Grupo Nortempo, o seu convite a presidir este acto de clausura do Certame Fototraballo 2009. Un acto no que procederemos á entrega de premios desta edición e á apertura da exposición dos traballos que se presentaron á mesma.

Nortempo consegue con este certame proporcionar unha visión diferente do mundo do traballo e, sobre todo, dos seus protagonistas. A través da imaxe fotográfica, da arte fotográfica, podemos achegarnos ao aspecto laboral da nosa sociedade de formas alternativas ás cotiás, derivadas da nosa propia experiencia ou das alleas que se manifestan, por exemplo, nos medios de comunicación.

As imaxes fotográficas que hoxe presentamos conxugan arte e realidade mediante unha fórmula persoal, a do propio fotógrafo, e cun obxectivo común: amosar unha visión dignificadora e próxima do mundo do traballo. En definitiva, servir de homenaxe ao traballador e á súa tarefa indispensable nesta sociedade.

Parabéns a todos os participantes nesta edición e, en especial, á premiada deste ano, por permitirnos compartir a túa visión do mundo neste traballo.

E parabéns, por suposto, ao Grupo Nortempo e á súa fundación pola aposta que, este ano, fixeron por apoiar aos creadores, ao dotar este premio dunha bolsa para a realización dun traballo fotográfico.


Non quero finalizar estas palabras sen determe un minuto no labor social que desenvolve o Grupo Nortempo a través da Fundación do seu mesmo nome.

Unha fundación que, ano a ano, pon en marcha diversos programas de atención a colectivos desfavorecidos co obxectivo de fomentar o seu desenvolvemento formativo e, en consecuencia, unha integración laboral en igualdade de condicións co resto da sociedade.

Nestes programas, quero destacar o traballo que realiza a Fundación Nortempo en apoio a españois residentes no exterior, nos que colabora activamente o Ministerio de Traballo e Inmigración, e os programas destinados a persoas en risco de exclusión social.
Programas nos que contades con todo o meu apoio e o do Goberno ao que represento. Sobre todo hoxe, cando o mercado laboral atravesa unha situación delicada na que toda axuda pública e privada debe ser benvida e recoñecida.

 Con este convencemento e reiterando os meus parabéns á organización, ao xurado e aos participantes e gañadora de Fototraballo 2009, declaro oficialmente inaugurada esta exposición.