Discurso del delegado del Gobierno, Antón Louro, en la inauguración de las nuevas instalaciones de Forem Galicia y de la Fundación 10 de Marzo

Discurso del delegado del Gobierno, Antón Louro, en la inauguración de las nuevas instalaciones de Forem Galicia y de la Fundación 10 de Marzo

21/10/2010

Santiago de Compostela, 21 de octubre de 2010. Hoxe ábrese unha nova etapa na xa de por si exitosa traxectoria das dúas fundacións anfitrionas: a Fundación 10 de Marzo, de marcado carácter galego, e a Fundación Formación e Emprego, que repite na nosa comunidade os obxectivos e valores que desplega en todo o territorio nacional.
En primeiro lugar, quero transmitir as miñas felicitacións a todos os responsables de que este proxecto, hoxe, á fin, se faga realidade.

Resulta revelador que ambas as dúas entidades compartan, a partir de hoxe, un mesmo lugar de traballo e de comunicación. Este edificio une nun mesmo espazo o pasado, o presente e o futuro do fenómeno sindical galego. Por unha banda, alberga a historia do sindicalismo galego, o seu pasado, e proporciona os documentos para a reflexión no presente e, por outra, dá resposta ás necesidades de formación continua e de cualificación para proporcionar un mellor futuro profesional aos nosos traballadores.

Estes momentos son os que precisan desa ollada hacia onde vimos e o que somos. Revisar o espírito dos acontecementos daquel 10 de marzo, que serviron de fortalecemento ao movemento sindical galego. Momentos duros da nosa historia que serviron para unir con máis forza a todos os que aspirábamos a unha democracia con dereitos sociais e con liberdades públicas.
Hoxe, case tres décadas despois, mantedes vivo o espírito do 10 de marzo, a través desta fundación pero, sobre todo, a través da actividade sindical diaria, amparada pola nosa Constitución.

Nestes intres de dificultades, cómpre revitalizar ese espírito de cohesión entre os diferentes intereses dunha sociedade cara un único fin, que hoxe é saír da crise económica. Para un Goberno que dende o principio do seu mandato loitou pola cohesión social e polo benestar dos máis desfavorecidos non é sinxelo adoptar algunas medidas.
Todo elo sen esquecer que nos atopamos nun momento clave, no que por primeira vez coñecemos índices que nos avisan da saída desta etapa de dificultades. Consolidar e mesmo acelerar ese proceso debe ser o obxectivo a medio prazo.

Neste proceso, o papel dos sindicatos segue a ser fundamental e, aínda que ás veces non coincidan cos postulados do Goberno, estamos seguros de que seguirán a actuar coa responsabilidade e co compromiso que os guiaron noutros momentos complicados da recente historia española.

Porque este sacrificio, máis aló que para saír da crise, persegue un novo modelo produtivo, máis sostible e eficiente, que potencie a formación do capital humano e a innovación do capital tecnolóxico. Porque estas medidas ás que aludín anteriormente servirán para que no futuro poidamos manter as cotas de benestar e protección social que co esforzo de todos (e en especial dos sindicatos) fomos quenes de conseguir.
Non podemos esquecer que os Orzamentos Xerais do Estado adican a Galicia o 9,3 por cento do total. Ademais, a nivel nacional, máis da metade dos orzamentos do Estado se adicará o próximo ano a políticas sociais, a maior porcentaxe da historia.

De novo, a miña noraboa a Comisións Obreiras en Galicia, por este espléndido froito que poñedes ao servizo dos traballadores e do resto de cidadáns. Agardo que este novo edificio sexa unha seña de identidade que manteña vivo o espírito do dez de marzo abrindo, ao tempo, novos camiños formativos para os traballadores do noso país.