José Miñones exemplifica coa renovación de 20 quilómetros da N-120 na Cañiza a cooperación entre o Goberno e os concellos galegos

27/08/2021

O tráfico na Cañiza estivo intensificado pola reparación do túnel da autovía A-52 que sufriu un incendio

O Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeu máis de 2 millóns de euros ao Concello para facer máis eficiente o alumeado

A extensión da banda ancha, do Ministerio de Asuntos Económicos, beneficia este ano a sete entidades de poboación da Cañiza

A través de Solo Empresarial do Atlántico, o Goberno estuda potenciar o polígono industrial do Concello


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe coa renovación de preto de vinte quilómetros da N-120 na Cañiza a cooperación entre o Executivo e os concellos galegos. Expresouse así durante a supervisión dos traballos xa moi avanzados, acompañado polo alcalde, Luis Piña, e a subdelegada en Pontevedra, Maica Larriba.

José Miñones explicou que a renovación do firme estará rematada en setembro. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana actuou no túnel da autovía A-52 tras o incendio, cun investimento de 2,4 millóns de euros, momento no que o tráfico na estrada nacional 120 viuse moi intensificado. Por iso agora renova dende principios de este mes preto de vinte quilómetros.

Houbo varias reunión co alcalde, tanto na Subdelegación do Goberno en Pontevedra como na sede do Ministerio en Madrid, para pechar esta actuación, cun orzamento de 890.000 euros. “O reasfaltado da travesía da Cañiza é froito desta cooperación, na que quero destacar o papel do alcalde que traballou arreo nestes meses para que hoxe poidamos ver esta actuación case concluída”, detallou o delegado.

O Goberno de España ten como obxectivo apoiar ao rural galego. Facelo máis sostible e máis conectado son algunas das metas. Por iso, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 2.014.580,15 euros para seis proxectos no Concello de aforro e eficiencia enerxética, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

A Cañiza tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha sete entidades de poboación do Concello se beneficiarán da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet.

José Miñones entende que a colaboración e cooperación entre o Goberno e os concellos debe ser a liña que marque o traballo en Galicia, coa dinamización do rural e o reto demográfico como algunhas das prioridades. Nese senso, outra vía aberta coa Cañiza é a potenciación do seu polígono industrial, que está en análise por Solo Empresarial do Atlántico (SEA), dependente do Ministerio de Transportes.