María Rivas destaca na súa visita ao Concello de Paderne o impulso estatal ás políticas vinculadas ao reto demográfico

05/08/2021

A subdelegada subliña que o Goberno aprobou esta mesma semana axudas de 9,4 millóns para axudas enerxéticas dirixidas a concellos galegos de menos de 5.000 habitantes

Tamén informou sobre o proxecto de Correos para que os carteiros rurais desenvolvan servizos a domicilio

Subdelegada e alcalde abordan a mellora da accesibilidade á praia de A Xurela, ademáis de varios proxectos viarios e medioambientais


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López,  exemplificou hoxe no Concello de Paderne o compromiso do Executivo que traballa cos municipios para abordar o reto demográfico. Expresouse así durante unha visita institucional ao Concello, onde subliñou a relevancia que terá para Galicia e a provincia da Coruña o Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico que vai desenvolver o Goberno cun investimento histórico de 10.000 millóns de euros para garantir a igualdade e a cohesión territorial nos pequenos municipios.

María Rivas mantivo unha reunión co alcalde da localidade, César Longo, a quen lle trasladou algunhas das iniciativas e proxectos desenvoltos polo Goberno orientados a impulsar o reto demográfico e paliar a tradicional discriminación dos municipios máis modestos e menos poboados.

A subdelegada informou ao alcalde sobre as próximas medidas que implantará Correos e que afectarán de forma directa aos pequenos concellos, xa que traballa na previsión de que este mesmo ano as 6.400 persoas que traballan na repartición rural poidan ofrecer no domicilio moitos dos servizos que se prestan nas oficinas, grazas aos dispositivos electrónicos portátiles (PDAs) cos que conta o persoal.

Os cidadáns atendidos polos servizos rurais de Correos poderán facer, entre outros servizos pagar os recibos de luz, gas ou teléfono con tarxeta bancaria, ingresar diñeiro na súa conta a través do servizo Correos  Cash, adquirir os distintivos ambientais da DXT que correspondan aos seus vehículos, comprar produtos postais básicos como blíster de selos, sobres  prefranqueados e acolchados, embalaxes de diferentes tamaños, acondicionar e enviar paquetes utilizando a tarifa plana de Correos

A medida implantarase en toda España ao longo deste ano despois da experiencia piloto desenvolta este mesmo ano en Lugo e Xaén por 310 carteiros rurais de ambas as provincias.

Tamén explicou que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital ten en marcha o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), que xestiona a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para ampliar a cobertura ao rural.

No caso da provincia da Coruña, o Ministerio aprobou na convocatoria de 2020 unha subvención por importe de 3.834.567 euros á empresa Telefónica para un proxecto, a executar en 2 anos, que ten un orzamento total de 4.882.522 euros.

No  Concello de Paderne inclúense 59 unidades inmobiliarias para un total de 49 vivendas dentro deste programa.

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicou este martes a convocatoria do Programa UNICO-Banda Ancha, dirixida a operadores de telecomunicacións e cuxo obxectivo é o despregue de infraestruturas de banda ancha de moi alta velocidade, capaces de prestar servizos a velocidades de polo menos 300 Mbps, escalables a 1 Gbps.

O orzamento da convocatoria é de 250 millóns de euros, a dotación anual máis grande da historia dos programas de extensión de banda ancha, cunha intensidade máxima de axuda do 80%, o que supoñerá mobilizar un investimento público-privado superior a 312 millóns de euros. A presentación de proxectos por parte dos operadores poderá realizarse ata o próximo 10 de setembro.

A convocatoria inclúe 52 lotes, ou zonas de concorrencia, coincidentes con outras tantas provincias e cidades autónomas españolas, da mesma maneira que o anterior Programa de Extensión de Banda Ancha.

Por outra parte, a subdelegada do Goberno recordou que as novas convocatorias que se fagan desde o IDAE ademais de atender aos criterios de mellora e fomento da renovación enerxética, aplicables ás iluminacións públicas e de edificios públicos, van incidir de maneira especial tamén en aspectos como o tratamento da auga, cunha liña de financiamento para as infraestruturas de saneamento e depuración de augas nas rexións menos desenvolvidas.

Outra liña de actuación tamén aberta a través do  IDAE é a relativa á mellora da mobilidade urbana, co fomento de senllas verdes e unha mobilidade máis sostible.

No fomento do aforro enerxético ten ademais un apartado específico para subvencionar programas de aforro enerxético en explotacións agropecuarias, ao que se pode acoller ata o 31 de decembro deste ano.

Por outra banda, o Goberno aprobou este martes dúas novas liñas de axudas para políticas enerxéticas para municipios de menos de 5.000 habitantes.

A primeira, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, consiste nun real decreto que regula o programa de axudas para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes en municipios e núcleos de menos de 5.000 habitantes (Programa PREE 5.000), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O IDAE é o encargado de coordinalo coas comunidades autónomas, encargadas de xestionar o programa, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2023 e conta cunha dotación orzamentaria de 50 millóns, dos que 3.795.000 euros estarán destinados a Galicia.

O obxectivo do programa  PREE 5.000 é dar un impulso á sustentabilidade da edificación nos municipios e núcleos de menos de 5.000 habitantes no noso país, mediante actuacións que van desde cambios na envolvente térmica, ata a substitución de instalacións de xeración térmica con combustibles de orixe fósil por xeración térmica baseada en fontes renovables como a biomasa, a  geotermia, a solar térmica ou a bomba de calor e a incorporación de tecnoloxías de regulación e control, así como a mellora na eficiencia enerxética na iluminación. 

A segunda liña de axudas consiste noutro real decreto polo que se regula a concesión directa de axudas para o desenvolvemento de proxectos singulares de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (Programa DUS 5.000), xestionado polo IDAE e enmarcado nos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e  Resiliencia. O programa conta cun orzamento inicial de 75 millóns de euros procedentes dos fondos europeos, que poderá ser ampliado sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria e ata que expire a súa vixencia en novembro de 2022. As axudas destinadas a Galicia en este caso son de 5.692.500 euros.

O obxectivo do programa é incentivar a transición enerxética e o cambio cara á mobilidade sostible dos pequenos municipios, que teñen máis dificultades para acometer grandes investimentos, mediante proxectos singulares de enerxía limpa. Así, subvencionaranse proxectos de mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, de fomento dos investimentos verdes –en particular do autoconsumo–, ou de infraestruturas de recarga e impulso do vehículo eléctrico, entre outros.

As axudas subvencionarán o 85% do investimento e o 100% no caso de que teñan a consideración de “proxectos integrais” polo seu significativo impacto na transición enerxética no municipio.

A subdelegada do Goberno e o alcalde avaliaron tamén, xunto co coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, a accesibilidade á praia de A Xurela, xa que en momentos puntuais o gran número de vehículos dificulta o acceso ao areal e ademais está a crear problemas para o transito dos residentes da zona. María Rivas comprometeuse a intensificar o control por parte da Garda Civil de Tráfico e pola súa banda o Concello acometerá a sinalización da zona para regular o tránsito de vehículos.

No encontro abordaron tamén outros proxectos viarios, como a cesión de varios tramos da N-651 do Estado ao Concello, ademais de algunhas iniciativas de carácter medioambiental relativas a recuperación da ribeira de Paderne.