Vilagarcía celebra San Roque sen eventos multitudinarios para evitar as grandes concentracións de persoas

04/08/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía de Arousa xunto ao seu alcalde, Alberto Varela. Durante a xuntanza coordináronse os diferentes dispositivos policiais que se levarán a cabo para garantir a seguridade e o cumprimento das medidas sanitarias durante as festas.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe xunto ao alcalde da vila, Alberto Varela, a Xunta Local de Seguridade do Concello de Vilagarcía de Arousa celebrada co obxectivo de establecer os criterios de seguridade con motivo da celebración das súas festas patronais. Na Xunta Local de Seguridade participaron tamén a comisaria provincial, Estíbaliz Palma, mandos da Policía Local e responsables do Subsector de Tráfico da Garda Civil.

Tal e como xa avanzara o rexedor, a celebración destas festas terá este ano un carácter reducido debido á incidencia da crise sanitaria na localidade, en risco alto segundo as últimas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia. Deste xeito, os festexos limitáranse á celebración de actos con aforo limitado para garantir o cumprimento de todas as medidas de seguridade en materia sanitaria. Neste sentido, o alcalde informou na Xunta Local da suspensión de todos os grandes actos festivos, tales como a Festa da Auga ou o combate naval. Durante a reunión deste órgano, coordináronse ademais os diversos operativos que levarán a cabo as diferentes Forzas e Corpos de Seguridade durante a fin de semana.

Neste sentido, avanzouse que a Policía Local e Policía Nacional prestarán especial atención e vixilancia á posible celebración de botellóns. Para evitar as agrupacións de xente e o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, sinalizaranse e prohibiranse os accesos a praias e parques, que continúan pechados segundo as medidas sanitarias vixentes na Comunidade. A subdelegada lembrou tamén a este respecto que, tal e como establece a normativa autonómica, naqueles concellos que se atopan en nivel de restrición alta, entre a 1.00 e as 6.00 horas está prohibida a permanencia de grupos de persoas agás os formados por conviventes.

Ademais, a agrupación de Tráfico da Garda Civil reforzará a vixilancia de consumo de drogas e alcohol ao volante coa realización de controis móbiles. Esta medida ten ademais un obxectivo disuasorio ante a posible chegada de xente doutras zonas para participar nos botellóns.

Por último, Maica Larriba quixo facer un chamamento á veciñanza “para que estes días de festa se maximicen as medidas de protección fronte ao virus co obxectivo de gozar con seguridade de todos os actos programados”.