A subdelegada e a alcaldesa de Guitiriz reúnense para coordinar a seguridade viaria no municipio

23/03/2021

 Isabel Rodríguez destaca a colaboración da Xefatura de Tráfico e o Concello de Guitiriz para garantir a seguridade viaria no municipio

 Marisol Morandeira presenta ao novo xefe da Policía Local e quere poñer ao día a delimitación de competencias deste corpo e da Garda Civil de Tráfico

 A Xefatura Provincial de Tráfico mantén distintos convenios de colaboración con concellos da provincia en materia de seguridade viaria

 Ademais, Tráfico presta apoio, de xeito temporal, a concellos como Castroverde, Cervo e Láncara na tramitación de expedientes sancionadores


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Gutiriz, Marisol Morandeira, presidiron hoxe unha xuntanza de traballo para coordinar a seguridade viaria neste municipio. Na reunión,  participaron ademais o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, capitán José Miguel Martínez, e o xefe da Policía Local de Guitiriz, Eloy Vázquez.

 

Isabel Rodríguez explicou que o obxectivo da xuntanza, celebrada esta mañá na Subdelegación do Goberno, foi avanzar na colaboración que xa manteñen a Xefatura provincial de Tráfico e o Concello de Guitiriz en materia de seguridade viaria.

 

Pola súa parte, Marisol Morandeira, que aproveitou o encontro para presentar ao novo xefe da Policía Local de Guitiriz, indicou que foi unha reunión de traballo para poñer ao día a delimitación de competencias da Garda Civil de Tráfico e a Policía Local, que levaba sen actualizar desde o ano 2006.

 

COLABORACIÓN COS CONCELLOS

 

A subdelegada explicou que este acordo enmárcase na liña de colaboración institucional que mantén o Goberno con outras administracións públicas. Así, o Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico, mantén distintos acordos de colaboración cos concellos relativos a temas de seguridade viaria.

 

Tráfico ten asinados convenios con distintos concellos da provincia, entre eles o da capital da provincia, cos que colabora na realización de campañas de prevención e controis de seguridade viaria. A última delas, que se desenvolveu na semana do 8 ao 14 de marzo, foi a campaña especial de vixilancia e control do cinto e dos sistemas de retención infantil.

 

APOIO A CASTROVERDE, CERVO E LÁNCARA

 

Rodríguez anunciou que nas últimas semanas, a Dirección Xeral de Tráfico  ampliou a colaboración cos municipios da provincia con novas iniciativas para dar apoio aos concellos de Castroverde, Cervo e Láncara. Neste caso, a Xefatura Provincial de Tráfico apoia aos tres municipios asumindo a tramitación de expedientes sancionadores polas infracións de tráfico cometidas nas vías urbanas de Castroverde, Cervo e Láncara.

 

Desde que comezou o ano, a Xefatura provincial de Tráfico atendeu as peticións formuladas polos tres concellos aos que axuda temporalmente a paliar a falta de medios e asume de xeito provisorio, mentres os servizos municipais resulten insuficientes, a tramitación dos expedientes sancionadores por infrinxir as normas de circulación en vías urbanas, unha competencia que a Lei atribúe aos concellos e os seus alcalde.