A delincuencia diminuíu en Viveiro un 21,11% en 2020

18/03/2021

 Isabel Rodríguez informou de que a evolución da seguridade cidadá no municipio foi moi favorable ao baixar o número de delitos e aumentar a eficacia policial, pero advertiu de que 2020 foi un ano diferente, debido ás restricións á mobilidade impostas pola pandemia
 O ano pasado rexistráronse en Viveiro 228 infraccións penais, descenderon todas as tipoloxías de delitos graves e aumentou 3,15 puntos a eficacia policial
 En 2020 rexistráronse 15 denuncias por violencia de xénero, 3 menos que o ano anterior


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, presidiron hoxe a reunión da xunta local de seguridade, que se celebrou por vía telemática, na que se analizou a situación da seguridade cidadá neste concello. Na xuntanza, a subdelegada deu conta da evolución da criminalidade no ano 2020 en Viveiro.

 

Isabel Rodríguez informou de que o balance do ano 2020 foi moi favorable xa que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 21,11% no número de delitos rexistrados en Viveiro. Foron en total 228 infraccións penais, 86 delitos graves e menos graves e 142 leves. Un ano antes rexistráranse no municipio 289 infraccións penais.

 

A subdelegada destacou que “os datos de evolución da criminalidade foron mos bos e tamén é positivo o aumento na eficacia policial, que se incrementou en 3,15 puntos”. En todo caso, advertiu que “non hai que ser triunfalistas, porque é evidente que as restricións á mobilidade, especialmente severas durante o primeiro estado de alarma, tiveron efecto tamén na delincuencia”.

 

A tendencia á baixa foi xeneralizada xa que os delitos graves e menos graves experimentaron un descenso do 14,85%, ao pasar de 101 a 86, e os delitos leves diminuíron un 24,47%, pasando de 188 a 142.

 

VIOLENCIA DE XÉNERO

 

Isabel Rodríguez analizou tamén a evolución da violencia de xénero no concello de Viveiro. En 2020 rexistráronse un total de 15 denuncias por este motivo e no que levamos de 2021 son 3. En canto ás ordes de protección ás vítimas, segundo os últimos datos, son 25, ningunha de nivel extremo ou alto, 1 de nivel medio, 11 de nivel baixo e 13 de nivel non apreciado.

 

En relación coa loita contra a violencia de xénero, a subdelegada destacou o paso adiante dado polo alcaldesa María Loureiro, xa que o ano pasado o Concello de Viveiro adheriuse ao sistema Viogen, polo que a Policía Local colabora coa Policía Nacional na protección das vítimas de violencia de xénero.,

 

Respecto da evolución das denuncias por violencia de xénero, Rodríguez informou de que nos últimos anos obsérvase unha tendencia á baixa na cifra de denuncias por feitos deste tipo no municipio de Viveiro.

ANO DENUNCIAS
2018 26
2019 18
2020 15
2021 3

 

ESCOLARES E MAIORES

 

 

A subdelegada tamén expuxo a marcha dos plans operativos da Secretaría de Estado de Seguridade dirixidos a escolares e persoas maiores.

 

En canto ao Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos, explicou que o desenvolvemento da programación de actividades no ámbito académico viuse condicionada nos últimos meses pola pandemia, pero aínda así, no curso escolar 2019/2020 realizáronse un total de 31 actividades (1 máis que no curso anterior 2018/2019) a pesar de que o ano pasado suspendéronse as clases o 13 de marzo.

 

Foron 20 charlas e actividades formativas para o alumnado sobre acoso escolar, riscos da Internet, violencia de xénero e delitos de odio e discriminación. Tamén houbo 11 reunións con persoal docente e AMPAS.

 

No curso actual, debido á pandemia non se están a realizar charlas presenciais nos centros escolares e ata o momento mantivéronse 22 reunións con persoal docente e AMPAS.

 

A evolución da pandemia está condicionar tamén o desenvolvemento do Plan Maior de seguridade, xa que precisamente os maiores son un dos colectivos máis sensibles a esta enfermidade. Por este motivo, as residencias e centros de maiores non solicitaron charlas presenciais nos últimos meses, pero aumentaron considerablemente os contactos cos seus responsables para darlles a coñecer novas modalidades delictivas e estafas relacionados coa COVID-19. Tamén se colaborou coa Cruz Vermella e Protección Civil no reparto de alimentos a persoas maiores e vulnerables.

 

No ano 2020 realizáronse 40 reunións con institucións, residencias e profesionais e, no que levamos de 2021, desde a Comisaría Local de Viveiro xa se fixeron 8 reunións cos mesmos colectivos.