Isabel Rodríguez alerta de que un 8% dos falecidos en vías interurbanas da provincia o ano pasado non levaba posto o cinto de seguridade

09/03/2021

 A subdelegada do Goberno informa do comezo da campaña especial que desenvolve esta semana a Dirección Xeral de Tráfico nas estradas lucenses

 En 2020 formuláronse 862 denuncias na provincia por non usar o cinto ou o sistema de retención infantil

 Só nesta campaña, o ano pasado, na que foron controlados 12.663 vehículos, detectáronse 234 infraccións


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe de que un 8% das persoas que perderon a vida o ano pasado en accidentes de tráfico en vías interurbanas da provincia de Lugo non facían uso do cinto de seguridade “un sistema de retención que, ademais de ser obrigatorio, debe usarse por responsabilidade”. A porcentaxe sobe ao 11% considerando só a cifra de falecidos que viaxaban en vehículos nos que é obrigado o uso de sistemas de retención.

 

Isabel Rodríguez chamou a atención sobre este dato nun acto no que informou da campaña especial de vixilancia e control do cinto e dos sistemas de retención infantil (SRI) que desenvolve esta semana a Dirección Xeral de Tráfico. No acto estivo acompañada polo xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e polo xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, capitán José Miguel Martínez.

 

A subdelegada informou que os axentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil, así como as policías locais, que tamén colaboran na campaña, intensifican os controis para comprobar que tanto o condutor como os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade.

 

Constatarán, de igual modo, que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.

A subdelegada do Goberno detallou que o balance de sinistralidade de 2020 reflicte que 1 dos 12 falecidos nos accidentes nos que se viron implicados turismos e furgonetas nas vías interurbanas da provincia non estaba a facer un uso adecuado destes dispositivos de seguridade no momento do accidente.

 

Tamén indicou que a infracción por non usar estes dispositivos motivou o ano pasado 862 denuncias formuladas polo Subsector de Tráfico da Garda Civil na provincia. A cifra supón un descenso aproximadamente do 20% respecto ás 1.539 denuncias do exercicio anterior, pero hai que ter en conta que 2020 foi un ano no que a pandemia motivou importantes restricións na mobilidade.  

 

234 infraccións na campaña de 2020

 

Na campaña especial que se desenvolveu do 9 ao 15 de marzo de 2020, os axentes de Tráfico controlaron na provincia de Lugo 12.663 vehículos e detectaron 234 condutores e pasaxeiros que non facían uso do cinto de seguridade ou do sistema de retención infantil, cifra que supuxo o 33% das 710 infraccións rexistradas en toda Galicia..

 

Cinto de seguridade=seguro de vida

 

O uso de sistemas de retención homologados está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo e rendible en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz. O cinto de seguridade é un seguro de vida. Non hai que esquecerse del e cómpre levalo sempre abrochado, tanto na estrada como en cidade. A DXT estima que o seu uso reduce á metade o risco de morte en caso de accidente.

 

Por outra banda, os estudos indican que a utilización adecuada dos sistemas de retención infantil reduce ata nun 75% as lesións en caso de accidente. É fundamental utilizar un sistema homologado, axeitado á talla e peso da persoa que o utiliza.