Maica Larriba destaca o alto grao de cumprimento das restricións impostas pola Covid19 durante as últimas datas festivas
28/12/2020
A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (CECOR), na que se fixo balance dos operativos de vixilancia e control durante os pasados días festivos.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a reunión do Centro de Coordinación Operativa (CECOR) da provincia, á que asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Carlos Valcárcel, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, o inspector xefe accidental da Policía Autonómica, Pablo Diz, e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro. Este órgano volveuse a reunir en aras de garantir a cogobernabilidade, a coordinación e o intercambio de datos e información entre o goberno autonómico e central.
Durante a reunión, os seus integrantes realizaron un balance da actuación das Forzas e Corpos de Seguridade estatais e autonómicos durante os pasados días festivos. Desde que entraron en vigor as novas medidas -o pasado 22 de decembro- ata onte, a Garda Civil e a Policía Nacional levaron a cabo 1.706 dispositivos de control e vixilancia na provincia, que alcanzaron a case 6.000 persoas e 2.853 vehículos. En total, interpuxéronse 331 propostas de sancións, unha cifra que representa pouco máis do 5 % do global.
Pola súa banda, e segundo os datos facilitados polo inspector xefe accidental da Policía Autonómica, Pablo Diz, o corpo policial autonómico levou a cabo do 22 ao 27 de decembro 34 dispositivos de vixilancia, nos que se controlaron a 121 persoas e 29 vehículos e se elevaron 8 propostas de sanción.
A subdelegada do Goberno quixo agradecer ás Forzas e Corpos de Seguridade estatais e autonómicos o traballo realizado estes días, así como “a todos os veciños e veciñas de Pontevedra a súa responsabilidade, xa que a baixa cifra de sancións interpostas evidencia o alto grao de cumprimento das restricións”.
Do mesmo xeito, quixo facer un chamamento á cidadanía para que “continúe cumprindo coas medidas vixentes na nosa comunidade xa que o virus non entende de festividades nin de celebracións e as cifras de contaxio na provincia continúan a ser preocupantes”.
Por último, Larriba avanzou que as forzas policiais continuarán vixiando o cumprimento das restricións vixentes na nosa provincia en colaboración coas autoridades autonómicas.