Isabel Rodríguez celebra a anulación do ERE de Alcoa e pídelle á empresa que retome de boa fe a negociación para vender a fábrica
18/12/2020
A subdelegada destacou a importancia da sentenza do TSXG para a provincia durante a inauguración do II Congreso de UGT de Lugo, Lemos e Costa lucense, que reelexirá como secretario xeral a Ángel Tomé
Rodríguez fixo un repaso ás medidas do Goberno para protexer aos traballadores prexudicados pola pandemia e apelou ao diálogo para remontar a crise
En novembro estaban en ERTE na provincia 44.655 traballadores e este mes cobran o Ingreso Mínimo Vital máis de 3.500 lucenses
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, celebrou a anulación do ERE de Alcoa polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na súa intervención durante a inauguración do II Congreso de UGT, Lugo, Lemos e Costa lucense, que se celebra hoxe, coa asistencia do secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, e no será reelexido secretario xeral Ángel Tomé..
Isabel Rodríguez felicitouse por unha sentenza moi importante para a provincia e para a comarca da Mariña, que concorda co que defenderon os traballadores e a Avogacía do Estado e que “debe obrigar a Alcoa a virar a súa estratexia e retomar de boa fe a negociación para a venda da factoría”.
Na súa intervención, a subdelegada tamén se referiu a crise sanitaria e aos problemas económicos e laborais producidos pola pandemia, Rodríguez explicou que “desde o primeiro momento no que se desatou esta grave crise sanitaria, o Goberno traballa para facerlle fronte a un problema sanitario inédito e, tamén, en evitar a toda costa o afundimento das persoas que quedaron nunha situación precaria”.
A subdelegada destacou que “nunca antes un Goberno puxera en marcha semellante batería de medidas como as que despregou o Executivo de Pedro Sánchez, con iniciativas como os ERTES, aos que estaban acollidos en novembro na provincia 44.655 traballadores e aos que dedicou 16,4 millóns de euros o SEPE, ou a creación do Ingreso Mínimo Vital, que este mes cobran máis de 3.500 lucenses”.
“A pandemia cambiou as prioridades inmediatas que tiñamos a principios do ano, porque tivemos que centrarnos na salvación de vidas, pero non poderá con nós nin nos fará esquecer os nosos obxectivos”, asegurou a subdelegada, quen remarcou que “a axenda sociolaboral deste Goberno segue en pé, e para desenvolvela contamos coa imprescindible colaboración dos sindicatos”.
Rodríguez concluíu a súa intervención apelando ao diálogo porque, dixo, “desde a unidade é como avanzan as comunidades, máis aínda en momentos de crise como o actual no que estamos nunha situación dunha gravidade extraordinaria na que só os irresponsables apostan pola confrontación”.