Maica Larriba lembra ás mulleres da provincia: “Non estades soas”
04/12/2020
A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá un minuto de silencio pola última vítima da violencia machista na nosa provincia.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza da última vítima da violencia machista, Soledad Rey Valverde, asasinada o mércores polo seu marido na localidade de Gondomar e que acaba de ser recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero. A subdelegada anunciou que Soledad converteuse na vítima de violencia de xénero número 42 deste ano 2020 en todo o territorio nacional, na terceira en Galicia e na primeira na provincia de Pontevedra.
Maica Larriba expresou a súa conmoción pola súa morte e lamentouse porque “unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller, que ademais deixa un fillo desamparado, cunha diversidade funcional profunda, para o que vivía”.
A subdelegada pediu á sociedade seguir loitando para evitar que se produzan novas mortes como esta. Neste sentido, a subdelegada solicita a todos aqueles veciños ou achegados que teñan coñecemento de que nunha familia existe violencia de xénero, e que por tanto pode estar en risco a vida dunha muller, que denuncien. Así mesmo, Larriba quixo recordar a todas as mulleres que non están soas. “Somos todas, xunto á sociedade, as que estamos implicadas en acabar con esta lacra, porque nos queremos vivas”, concluíu.