A Xunta Local de Seguridade de Melide acorda a incorporación da Policía Municipal ao sistema Vioxen de seguimento de vítimas de violencia machista

A Xunta Local de Seguridade de Melide acorda a incorporación da Policía Municipal ao sistema Vioxen de seguimento de vítimas de violencia machista

03/12/2020

O Concello ratificou a súa intención de adherirse ao protocolo que establece o Ministerio do Interior para participar no operativo Vioxén

Analizouse tamén a situación da seguridade no municipio, que no que vai de ano rexistrou un importante descenso de infraccións penais


O Concello de Melide acolleu unha nova reunión da Xunta Local de Seguridade, na que se acordou a incorporación do corpo da Policía Local ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero Vioxen. A xuntanza estivo presidida pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas.

Na reunión, na que estiveron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local, analizouse o protocolo establecido entre o Goberno de España e a FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero, ao que que quere agora adherir o Concello de Melide para permitir a incorporación da Policía Local ao sistema de prevención e control das vítimas.

Esta medida abordase polo Concello trala incorporación de novos axentes á plantilla da Policía Local, o que permitirá unha maior dedicación de este servizo ás tarefas de vixiancia e control das vítimas, en colaboración sempre coa Garda Civil.

Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde para conquerir esta incorporación, que permitirá incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista xa que posibilitará que a Policía Local participe de forma máis activa do proceso de seguimento, vixilancia e prevención das vítimas de violencia machista.

Pilar López-Rioboo felicitouse polo interese do Concello pola integración de maneira definitiva da Policía Local no sistema Vioxen de loita contra a Violencia de Xénero, impulsado polo Goberno para promover as actuacións necesarias para as policías locais, no marco da súa colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para que cooperen en asegurar o cumprimento das medidas acordadas polos órganos xudiciais.

Para esta mellora en materia de coordinación, e de acordo ao recollido no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é preciso contar cun convenio entre Ministerio de Interior e Concello para que a Policía Local poida protexer ás posibles vítimas unha vez valorado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado o nivel de risco. A Garda Civil encargase de aqueles casos máis graves mentres que habitualmente as policías locais levan os casos máis leves e menos graves.

A loita contra a violencia de xénero é un dos eixos fundamentais da acción da Delegación do Goberno en Galicia e da propia Subdelegación do Goberno na Coruña, que nos últimos dous anos logrou que se quintuplicara o número de concellos da provincia que se adheriron a sistema Vioxen.

Por outra parte, os distintos representantes das Forzas de Seguridade do Estado informaron da evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, na que se constatou que os índices de criminalidade descenderon no que vai de ano de maneira moi considerable, tal como reflexa a reducción das infraccións penais rexistradas.

Nesta reducción ten unha parte importante o proceso de confinamento e as restriccións derivadas pola pandemia da COVID-19, se ben o descenso foi gradualmente moito máis considerable que en outras localidades da provincia. Segundo as previsións das forzas e corpos de seguridade, a estimación é que Melide teña ao final deste ano unha taxa de criminalidade de 19,31 delitos penais por cada mil habitantes, cando en 2019 esta porcentaxe estaba situada en 28,3. A media provincial é de 31,8 e a estatal sitúase en case 47 delitos por cada mil habitantes. A reducción das infraccións penais é de case o 30 por cento este ano e tamén aumentou de forma considerable os casos esclarecidos.

Tanto o alcalde como a subdelegada do do Goberno mostraron a súa satisfacción pola boa coordinación das forzas de seguridade e confiaron en poder seguir nesta liña de cooperación.