Maica Larriba presenta en A Estrada o Plan de Vialidade Invernal para as carreteiras de Pontevedra
11/12/2020
A subdelegada do Goberno anunciou as medidas que se porán en marcha nas estradas da provincia en caso de producirse nevadas ou outros fenómenos metereolóxicos extremos.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá en A Estrada a firma do protocolo de coordinación dos órganos da Administración do Estado ante as posibles nevadas e outros fenómenos meteorolóxicos invernais que poidan afectar a rede de estradas da provincia.
Este protocolo ten por obxecto establecer os procedementos de actuación dos servizos, medios e recursos da Administración Xeral do Estado dispoñibles no ámbito provincial no caso de neve ou outras situacións metereolóxicas extremas, coa finalidade de reducir ao máximo as restricións ao trafico e evitar as retencións de vehículos. En palabras da subdelegada do Goberno, “esta coordinación posibilita activar todos os servizos e establecer os parámetros máis correctos e efectivos para mobilizar os medios necesarios no caso do bloqueo das estradas dependentes do Estado na provincia”.
Larriba explicou que, ademais, “dentro das operacións de vialidade invernal está previsto efectuar tratamentos preventivos no firme en situacións de baixas temperaturas naqueles sectores de autovías, autoestradas e estradas convencionais afectadas”. Nos niveis máximos de emerxencia, se a situación o requirise, contémplase tamén a mobilización da Unidade Militar.
Este regulamento de actuación implica ademais aos departamentos de Carreteiras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á Garda Civil, aos servizos de Proteción Civil da propia Subdelegación, á Dirección Xeral de Tráfico, ao subsector de tráfico da Garda Civil e a Comisaria Provincial da Policía Nacional.
Larriba sinalou que “a nivel provincial contamos con tres Postos de Mando Avanzado, un deles correspondente á zona meridional da provincia, situado nos Túneles do Folgoso e que atende especialmente aos portos de A Cañiza e Fontefría, o outro en Cerdedo-Cotobade, na zona central, que presta especial atención ao porto de O Paraño e outro en Lalín, que cubre a zona norte da provincia”. A presentación do protocolo invernal realizouse este ano no Centro de Conservación de Carreteiras de A Estrada, que se enmarca neste terceiro punto de referencia. O Posto de Mando avanzado de Lalín da cobertura aos portos de Santo Domingo e San Martiño, na N-525, e aos de O Marco e Xindiriz, na N-640.
En total a provincia dispón para realizar as tarefas de mantemento das estradas durante o período inverna de 10 camións quitaneves, 1 retropala cargadora, 1 pala mixta, 12 depósitos de sal cunha capacidade de 1.975 toneladas e catro plantas con 89.000 de salmoira acumulada. Ademais, os xestores das autopistas AP-9 y AP-53 contan con nove camións quitaneves, 1.700 toneladas de sal y 233.000 litros de salmoira.
O protocolo, que estará vixente de novembro a abril, poderase activar en calquera momento se as predicións ou condicións metereolóxícas así o aconsellan.
Rúbrica do documento
Na firma do protocolo estiveron presentes representantes de todos os organismos implicados. Deste modo, o acto contou coa asistencia do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de Tráfico da Gardia Civil de Pontevedra, Antonio Pérez, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o xefe da Unidade de Carreteiras do Estado, Pablo Domínguez.