A subdelegada do Goberno en Lugo despide ao comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, que se xubila mañá
![A subdelegada do Goberno en Lugo despide ao comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, que se xubila mañá A subdelegada do Goberno en Lugo despide ao comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, que se xubila mañá](https://www.mptfp.gob.es/dmsweb/es/portal/delegaciones_gobierno/delegaciones/galicia/actualidad/notas_de_prensa/notas/2018/12/2018_12_11_02/foto.jpg.jpg)
11/12/2018
Isabel Rodríguez recibiu hoxe a Antonio Villamarín e agradeceulle o seu labor á fronte da Policía Nacional para garantir a seguridade dos lucenses
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, despediu hoxe ao comisario xefe provincial, Antonio Villamarín, con motivo da súa inminente xubilación, que se fará efectiva mañá, mércores.
A subdelegada do Goberno recibiu esta mañá no seu despacho ao comisario xefe provincial. No transcurso da entrevista, Isabel Rodríguez, agradeceulle o seu compromiso coa cidadanía e o traballo que desenvolveu para garantir a seguridade pública durante toda a súa traxectoria profesional e nomeadamente o seu labor dirixindo a Policía Nacional na provincia de Lugo.
Isabel Rodríguez eloxiou o talante conciliador e a bonhomía do comisario xefe provincial e expresoulle, tamén, a súa gratitude pola colaboración que lle ten prestado durante os meses que leva na Subdelegación do Goberno. Ademais, desexoulle a Antonio Villamarín moita felicidade na nova etapa vital que se lle abre ao chegar á idade de xubilación.
CURRÍCULO
Antonio Villamarín Rielo, que naceu en Viladonga (Castro de Rei), en 1953, ingresou no Corpos Superior de Policía en 1976. Estivo a fronte da Policía Nacional na provincia de Lugo dende marzo de 2017.Con anterioridade, desde xaneiro de 2015 fora comisario xefe de operacións da Comisaría de Lugo, e previamente desenvolvera a súa carreira profesional en Vigo, Tarragona e Bilbao.
A súa brilante traxectoria profesional valeulle 112 Felicitacións Públicas e está en posesión das seguintes distincións: 2 Cruces ao Mérito Policial con distintivo branco (anos 1997 e 2014), Cruz, Medalla, Encomenda e Placa pola súa dedicación ao servizo Policial.