Discurso do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, na Gala do Décimo Aniversario da Declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade

30/11/2010

Hai dez anos cumpríronse os soños e desexos de toda a cidadanía de Lugo. Aquela muralla que levaba case dous mil anos velando polo devir dos lucenses, protexendo as súas posesións, identificando a súa memoria, entraba a formar parte dun exclusivo clube, integrado polos bens máis valiosos da Humanidade.

Xa non era só a Muralla de Lugo, senón a Muralla dos cidadáns do mundo e, polo tanto, poñía esta cidade do interior de Galicia á altura das grandes, xogando na división de honra do patrimonio histórico e artístico.

Foi un día coma hoxe, frío, ao longo dunha madrugada na que de seguro moitos dos que nos acompañades aquí estivechedes máis atentos ao teléfono que á almofada. Entre os insomnes daquel xoves, 30 de novembro do ano 2000, cómpre destacar a persoa de Xosé Clemente López Orozco, alcalde de Lugo entón e tamén agora.

Porque, alcalde, ti soubeches personalizar como ninguén o impulso do conxunto da sociedade lucense; dende a convicción de que Lugo non só o merecía senón que tamén podía. Lembro que, con motivo da proclamación, escribiches que a distinción da Muralla era “punto de referencia e punto de partida para moitos outros obxectivos”.

Nestes dez anos, Lugo leva loitando e vencendo en moitas batallas, para conseguir infraestruturas, para mellorar o medio ambiente e, sobre todo, para que os lucenses e os visitantes poidan sentirse orgullosos do seu pasado histórico, mirar con esperanza e construír, con renovados folgos, o seu futuro.

Conscientes da relevancia deste fito histórico, o Goberno de España quixo ter presenza na conmemoración desta primeira década como patrimonio mundial.
 

Fixémolo ao longo deste ano, dentro do programa Lugo10, que tan ben soubo conxugar a posta en valor da muralla coa conmemoración desta década de éxitos e que, sobre todo, fixo partícipe a toda a cidadanía de Lugo e da provincia dunha efeméride tan particular.

Quixémonos implicar na conmemoración aportando recursos, a través do Ministerio de Cultura, para varias das actividades incluídas no programa Lugo10. Así, a edición da publicación histórica “Lucus Augusti mirada desde Lugo10", a celebración dun Obradoiro de Memoria e Aula Creativa, que se completaron coa inclusión de Lugo na programación do Instituto Nacional das Artes Escénicas.
 

Ademais, o Ministerio de Fomento tamén participou desta conmemoración. En próximas datas presentarase a exposición “Lugo. Cen anos de cartografía”, con fondos procedentes do Instituto Xeográfico Nacional. Unha mostra que se inclúe no programa Lugo10 e que recorrerá nos vindeiros meses diversas localidades da provincia.
A ela engadimos a edición dun selo conmemorativo de Correos que se puxo á venta a mediados do mes de setembro. Quero lembrar que son 324.000 selos, que están xa a circular e, polo tanto, que levan a imaxe da Muralla a 190 países asociados á Unión Postal Universal.
 

En definitiva, con estas achegas, o Goberno de España quixo formar parte activa desta festa que hoxe nos reúne nun acto tan fermoso e aberto como os que o Programa Lugo10 desenvolveu este ano.
 

Felicidades a Lugo, felicidades aos lucenses e felicidades, especialmente, aos que convertíchedes o soño desta cidade nunha realidade que hoxe, dez anos despois, segue a ser punto de referencia do seu futuro.