José Miñones reitera o compromiso do Goberno coa “Coruña do futuro” espertando proxectos que mobilizarán 400 millóns de euros nos próximos anos

29/04/2021

Confirma que o proxecto do enlace ferroviario a Langosteira está incluido no Plan que enviará esta semana o Goberno a Bruxelas para acollerse aos Fondos Next Generation

O delegado do Goberno realiza a súa primeira visita institucional ao Concello da Coruña

Traslada á alcaldesa da Coruña os avances en proxectos estratéxicos que ata hai pouco estaban paralizados, como a estación intermodal e a renexeración da Ría do Burgo

Agradeceu a Inés Rey a colaboración municipal para desempoar proxectos que permiten avanzar unha cidade máis social, sostible medioambientalmente e máis accesible


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reiterou hoxe ante a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o compromiso do Goberno coa futuro da cidade da Coruña “avanzando en proxectos que mobilizarán 400 millóns de euros nos próximos anos”. Na súa primeira visita institucional ao Pazo de María Pita, José Miñones apuntou que “A Coruña do futuro está en marcha”, grazas á decisión do Executivo de Pedro Sánchez de desempoar accións estratéxicas para a cidade e a súa área metropolitana e á colaboración leal do Goberno municipal da Coruña para acadar a súa materialización.

O delegado do Goberno e a alcaldesa da Coruña analizaron os investimentos comprometidos polo Executivo na cidade. Proxectos que, apuntou José Miñones, farán que A Coruña sexa unha cidade máis social, máis accesible e medioambientalmente máis sostible.

A mobilidade e, sobre todo, a intermodalidade no transporte centrou boa parte da reunión entre ambos responsables. O delegado do Goberno confirmou á alcaldesa que o proxecto de construcción do enlace ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira está incluído na proposta que “mañá mesmo o Goberno envía a Bruxelas para acollerse aos fondos Next Generation”. “Un compromiso que asumiu o presidente do Goberno con Galicia e que reiterou o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, na súa última visita á Comunidade”, lembrou o delegado sobre un proxecto que ten un custo de 150 millóns de euros.

Seguindo co ámbito ferroviario, José Miñones celebrou o avance acordado esta semana por Adif para avanzar na construcción da Estación Intermodal, que dá vía libre á sinatura do convenio previo á licitación das obras. Neste complexo, o Goberno prevé invertir 48 millóns de euros (18,6 millóns xa incluídos nos Presupostos Xerais do Estado para este ano).  

No tocante ás conexións por estrada, o delegado do Goberno avanzou que este verán comezará a remodelación da avenida de Alfonso Molina (19 millóns de euros) coa primeira fase deste proxecto, a pasarela de Pedralonga, xa preadxudicada.

Cconfirmou que esta noite o Ministerio de Transportes retomará os sondeos para avanzar no proxecto de ampliación da Ponte do Pasaxe, unha actuación estimada en 47 millóns de euros. “Xa contamos co informe de impacto ambiental desta ampliación que afrontaremos a continuación da obra do cruce Sol y Mar”, engadiu.

Sostenibilidade

O delegado do Goberno e a alcaldesa coincidiron en sinalar a relevancia do proxecto de rexeneración da Ría do Burgo para a cidade. José Miñones informou que esta actuación avanzou hoxe un paso máis no seu proceso de contratación coa apertura no Ministerio para a Transición Ecolóxica das propostas económicas das dez ofertas presentadas. Este trámite “pon máis cerca a devolución da ría ao seu estado orixinal”, grazas a un investimento estatal de 48 millóns de euros: “levamos décadas falando deste proxecto e nuns meses comezará a ser realidade”, agregou.

O compromiso coa mellora ambiental reflíctese tamén na axuda que concedeu o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do IDAE, para a mellora da eficiencia enerxética do alumeado público da cidade: “Son 12,6 millóns de euros que permitirán nos próximos meses a substitución de 21.000 luminarias por leds e a modificación das instalacións para aforrar enerxía e diminuir as emisións”, subliñou.

Unha cidade máis social e próspera

O delegado do Goberno trasladou á alcaldesa a aposta do Executivo pola protección social dos colectivos máis afectados pola crise económica derivada da pandemia e os retos derivados da aplicación do Plan de Recuperación, Transformación, e Resiliencia.

Neste futuro, o delegado destacou a aposta pola dixitalización, no que A Coruña “terá un papel relevante a través da Cidade das TIC”, un proxecto que é posible gracias á recuperación da concesión da Fábrica de Armas e a cesión dos terreos e instalacións que fixo o Ministerio de Defensa para o desenvolvemento deste proxecto.