José Miñones destaca que o Goberno aposta pola cogobernanza na investigación científica e concede 12M € para tres proxectos de I+D+I que desenvolverá en colaboración con Galicia

14/11/2021

Centros de I+D galegos traballarán por primeira vez cos de outras comunidades en proxectos estratéxicos a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O delegado apunta que esta iniciativa supón unha innovación na política de investigación e evidencia o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co desenvolvemento do coñecemento científico

Os Plans Complementarios de I+D mobilizarán 456 millóns de euros ata 2023


O delegado do Goberno, José Miñones, destacou hoxe que o Goberno de Pedro Sánchez aposta pola cogobernanza na investigación científica e concede 12M € para desenvolver tres proxectos de I+D+I en colaboración con centros de investigación de Galicia.

José Miñones anunciou que o Ministerio de Ciencia e Innovación formalizou esta semana coa Xunta de Galicia a súa incorporación a tres dos catro primeiros Plans Complementarios de I+D, nas áreas de biotecnoloxía aplicada a saúde, ciencias mariñas e comunicación cuántica. E explicou que, “esta iniciativa supón unha innovación na política científica do noso país xa que nunca antes se puxeran en marcha accións de programación conxunta cofinanciadas polo Estado”.

Os Plans Complementarios de I+D son unha ferramenta de colaboración para poñer en marcha investigacións en áreas estratéxicas en colaboración coas Comunidades Autónomas. O Goberno de España prevé mobilizar 456 millóns de euros en oito plans gracias ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, como un dos investimentos previstos do Compoñente 17 de fortalecemento da ciencia española.

Triple participación de centros galegos

En concreto, os centros de investigacións e institucións galegas traballarán en tres liñas prioritarias. Nelas cooperarán con centros estatais e doutras comunidades autónomas, dentro da nova filosofía de cooperación no coñecemento científico.

O primeiro Plan sitúase no marco das ciencias mariñas, en concreto no desenvolvemento de novas tecnoloxías de observación do medio mariño.

O segundo proxecto no que participarán centros de Galicia é o de comunicación cuántica e a tecnoloxía asociada.

Por último, Galicia participará como socio estratéxico no programa de biotecnoloxía aplicada á saúde. Esta iniciativa pretende desenvolver ferramentas biotecnolóxicas no campo da mediciña personalizada de precisión

Para o delegado do Goberno, que calificou a iniciativa como pioneira, “a importancia destes Plans vai máis aló do seu impacto científico, xa que avanzan na cogobernanza en áreas fundamentais para o futuro do país e evidencian o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co desenvolvemento científico e a investigación”.