Maica Larriba informa ás comunidades de montes de que poden continuar ocupando os terreos de dominio público marítimo terrestre

09/11/2021

A subdelegada do Goberno reuniuse esta mañá con representantes das comunidades de montes situadas na liña de deslinde do dominio público marítimo-terrestre para informarlles da situación xurídica derivada da revisión catastral dos terreos afectados

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, reuniuse esta mañá, logo da súa solicitude, cos representantes das comunidades de montes veciñais en man común de San Miguel de Tabagón (O Rosal) e Salcidos (A Guarda), da comunidade de montes de San Xoan de Tabagón (O Rosal) e da Organización Galega de Comunidade de Montes para abordar a situación xurídica derivada da revisión catastral dos terreos afectados polo deslinde do dominio público marítimo terrestre. Xunto á subdelegada, acudiron ao encontró o xefe provincial de Costas e responsables da Xerencia Provincial do Catastro en Pontevedra.
A subdelegada quixo aclarar aos representantes das comunidades de montes a orixe e consecuencias xurídicas do envío por parte da Xerencia Provincial do Catastro de Pontevedra dunha serie de misivas informativas sobre a aplicación das liñas de deslinde para o dominio público marítimo terrestre derivadas da última revisión catastral da provincia. 

Tal e como explicou Larriba, “de conformidade co previsto na lexislación, a Dirección Xeral de Costas delimitou na nosa provincia durante as últimas décadas a liña de deslinde do dominio público marítimo terrestre, producíndose a maior parte destes deslindes entre os anos 1995-1996, e realizándose o último no ano 2010”. A subdelegada lembrou que estes procedementos administrativos de deslinde leváronse a cabo con total garantía xurídica e de acordo ao establecido na Lei de Costas. 

Non obstante, nos últimos meses a Xerencia Provincial do Catastro de Pontevedra, comunicou aos cidadáns e propietarios afectados polos deslindes realizados ata o momento no litoral costeiro da provincia a súa situación catastral, co obxectivo de garantir a transparencia a información a cidadanía sobre as súas propiedades e outros dereitos.

Larriba explicou que se ben “os terreos afectados polos deslindes son bens de dominio público marítimo-terrestre, estes poden continuar sendo explotados como ata o de agora”. Neste sentido, a subdelegada transmitiu aos responsables “tranquilidade e normalidade, xa que poderán continuar a desenvolver as actividades que viñan desenvolvendo, pois estes terreos non pasaron agora a ser de dominio público, se non que en moitos caso hai máis de vinte anos que son públicos e non sucedeu nada”. 
Non obstante, a subdelegada do Goberno e os técnicos de Costas e Catastros, recomendaron ás comunidades de montes, solicitar unha concesión transitoria para a ocupación destes terreos, “de xeito que poidan continuar a ocupalos e explotalos con total garantía xurídica”. 

A Lei de Costas prevé un réxime transitorio para os problemas derivados da integración de terreos no dominio público estatal a través da conversión dos dereitos de propiedade en dereitos de aproveitamento mediante concesión. Larriba informou de que, estas concesións, “poderán recoñecer e autorizar aquelas actividades que xa se viñan realizando antes de efectuarse os deslindes”.

Pola súa banda, os asistentes a reunión trasladaron á subdelegada a necesidade de modificar o artigo 9 da Lei de Costas para orientala no sentido de que os  montes veciñais comunais non sexan considerados como montes de carácter privado e recoñézase a súa titularidade comunitaria.

Liñas de deslinde para o Dominio Público Marítimo Terrestre
O dominio público marítimo terrestre intégrano aqueles bens de dominio público estatal español que a propia Constitución de 1978 e, ao seu amparo, a Lei de Costas determinan mediante o procedemento administrativo do deslinde. 
Forman parte do mesmo, entre outros, as praias, os sistemas dunares, os cantís, os terreos gañados ao mar por causas naturais ou artificiais, as marismas e os humidais litorais.