Isabel Rodríguez informa da finalización dos traballos de mellora da visibilidade realizados na N-634 en Mondoñedo

01/02/2021

 Esta actuación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana tivo por obxecto aumentar a seguridade viaria na estrada
 Os traballos comezaran no mes de novembro e contaron con un investimento de 170.000 euros
 A subdelegada lembra que o Goberno destina 1,2 millóns de euros a diversos proxectos en Mondoñedo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou hoxe da finalización dos traballos realizados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para aumentar a visibilidade e mellorar a seguridade viaria na estrada N-634 ao seu paso por Mondoñedo.

 

Esta actuación foi realizada pola unidade de Estradas do Estado na provincia e supuxo un investimento de 170.000 euros. Os traballos comezaran a finais do mes de novembro e executáronse no treito comprendido entre os puntos kilométricos 583 e 600 da estrada N-634.

 

Isabel Rodríguez lembrou que este é só un dos proxectos executados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, onde o Goberno de Pedro Sánchez financia con 1,2 millóns de euros diversas actuacións de interese para os mindonienses.

 

A subdelegada, que visitou no mes de decembro algunhas das obras que se fan con apoio económico do Goberno, explicou que son varios os ministerios que realizan investimentos neste municipio. Así, detallou que desde os Ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realízanse investimentos para a posta en valor do patrimonio monumental de Mondoñedo, para a rehabilitación de vivendas no Casco histórico, onde tamén se acondicionou un aparcamento público, así como a mellora das súas estradas. Pola súa parte, o Ministerio de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico colabora con Mondoñedo con financiamento de proxectos para a mellora da eficiencia enerxética que permiten aforros na factura da luz e axudan a diminuír as emisións de CO2. E o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións realizou nos últimos meses traballos de acondicionamento da oficina da Seguridade Social neste concello para mellorar a atención aos cidadáns.

 

ESTRADAS

 

En mellorar as estradas no municipio de Mondoñedo, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realizou investimentos por valor de 245.000 euros nos últimos meses.

 

Ademais dos traballos de desbroce realizados nas dúas marxes da N-634,  executáronse labores de acondicionamento da N-634a en A Voltiña desde o ppkk 583,600 a 584,450, onde se realizou un asfaltado no lugar do Grove, na parroquia de Vilamor. Con anterioridade, o Ministerio cedeulle ao Concello a titularidade de dous treitos da antiga estrada N-634 en San Vicente e Sasdónigas.

 

AXUDAS DO 1,5% CULTURAL

 

Mondoñedo benefíciase de axudas do 1,5% cultural correspondentes ao Programa de conservación do patrimonio histórico artístico do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

O Concello está executando as obras de acondicionamento e urbanización do entorno da Catedral da Nosa Señora da Asunción, financiadas no 75% polo Ministerio, que fixo unha achega de 131.507 euros.

 

Ademais, na última convocatoria foi seleccionado outro proxecto do Concello de Mondoñedo. Trátase do acondicionamento da Praza da Catedral para a mellora do uso público, que ten un presuposto total de 258.739 euros e financiamento solicitado ao Ministerio ascende a 194.055 euros.

 

REHABILITACIÓN NO CASCO HISTÓRICO

 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana  financia con 157.409 euros a Area de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco histórico de Mondoñedo e Barrios Históricos de San Lázaro e Os Muíños.

 

O Ministerio achega 135.409 euros a estas axudas e a Xunta destina 11.056 euros. En canto aos gastos da Oficina de Rehabilitación, o Ministerio colabora con 22.000 euros, a mesma cantidade que a Xunta. 

 

NOVO APARCAMENTO NO CASCO HISTÓRICO

 

O casco histórico de Mondoñedo conta con un novo aparcadoiro público, na travesía de Casas Novas, froito de outro investimento realizado pola Dirección xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

 

Esta obra tivo un custe de 128.120 euros e rematou a finais do mes de agosto. Consistiu no acondicionamento de tres parcelas para habilitar unha zona de estacionamento de vehículos nas inmediacións do Casco históricos coa finalidade de que os condutores dispoñan de unha alternativa próxima ao centro e evitar así que os vehículos aparquen nas rúas do Conxunto histórico.

 

EFICIENCIA ENERXÉTICA

 

No último ano, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aprobou investimentos por importe de 360.776 euros no concello de Mondoñedo para tres proxectos de mellora da eficiencia enerxética, dentro do programa de achegas que concede o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía.

 

Trátanse dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público exterior no casco histórico, ao que se concedeu unha achega de 138.214 euros, e do alumeado ornamental da catedral, subvencionado con 125.050 euros, ambos aprobados en outubro de 2019. E en febreiro de 2020 aprobouse unha subvención de 97.512 euros para actuacións no casco histórico, nas rúas as que subministra o cadro CM Os Castros.