Isabel Rodríguez entrega a Lara Méndez e Pablo Rivera 50.000 máscaras máis que destina o Goberno aos concellos

Imagen entrega mascarillas concellos

21/12/2020

 A subdelegada entregoulle 15.000 unidades á alcaldesa de Lugo e 35.000 ao deputado provincial de Promoción Económica e Social porque a Deputación encargase de distribuílas ao resto de concellos

 Rodríguez pide aos lucenses “responsabilidade e extremar a precaución durante as celebracións de Nadal, para que non teñamos que lamentar máis vítimas por imprudencias durante as festas”

 Desde o comezo da pandemia, o Goberno leva distribuídas 428.500 máscaras na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou hoxe á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e ao deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, outras 50.000 máscaras que facilita o Goberno aos concellos da provincia de Lugo. Remata así unha nova fase do reparto deste material sanitario que o Goberno facilita para o persoal dos servizos esenciais de concellos e entidades sociais lucenses.

 

A subdelegada lembrou que “esta é a sexta campaña de reparto que leva a cabo o Goberno na provincia desde o comezo da pandemia co que son xa máis de 428.000 as que levamos entregado tanto a concellos como a entidades sociais”.

Isabel Rodríguez aproveitou a proximidade do Nadal para reiterar aos lucenses a necesidade de actuar con “responsabilidade e unha especial precaución durante as celebracións destas festas do Nadal, para que non teñamos que lamentar dentro de unhas semanas máis vítimas por imprudencias cometidas con motivo dos festexos”.

“Comprendo a dificultade de ser estritos durante tanto tempo no cumprimento de medidas tan excepcionais, máis aínda nunhas datas nas que temos por costume participar en reunións con familiares, amigos e compañeiros de traballo, pero este ano é diferente, non debemos perder de vista que o virus segue a ser unha grave ameaza para a saúde e o mellor que podemos facer polas persoas que queremos é coidar da súa saúde”, dixo a subdelegada. 

70.000 MÁSCARAS MÁIS PARA CONCELLOS E ENTIDADES SOCIAIS

A subdelegada entregou este luns 50.000 máscaras destinadas aos concellos da provincia, co que son xa 100.000 as que reciben desde finais de novembro.

 

A alcaldesa de Lugo recibiu hoxe un lote de 15.000 e as restantes 35.000 recolleunas o deputado provincial de Promoción Económica e Social, porque a Deputación faise cargo, de novo, do operativo de distribución entre os concellos da provincia que teñen poboación inferior a 20.000 habitantes, tal e como acordaron o Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias.

 

Hai uns días, o pasado venres, Rodríguez fixo entrega de outras 20.000 unidades deste material de protección á Cruz Vermella, Fademga e Cáritas para a protección dos traballadores, voluntarios e persoas vulnerables ás que atenden estas entidades na provincia. A distribución de máscaras ás ONGs e as cantidades destinadas a cada unha delas é o resultado do acordo alcanzado entre cada organización e o Ministerio de Sanidade.

 

No mes de novembro, a Subdelegación do Goberno levou a cabo a anterior campaña de distribución de 70.000 máscaras a concellos e entidades sociais da provincia de Lugo.