DISCURSO DEL DELEGADO DEL GOBIERNO EN GALICIA, ANTÓN LOURO GOYANES EN LA ENTREGA DE LOS PREMIOS DIARIO DE FERROL

02/06/2010

Quero comezar estas breves palabras expresando as miñas felicitacións ó Director e ó persoal de Diario de Ferrol por este undécimo aniversario da súa creación.

Un cumpreanos que, como cada ocasión, nos xunta neste recinto para compartir unha noite de festa, de ledicia e de agradecemento ás xentes e ós colectivos de Ferrolterra que se teñen destacado no ano precedente.

Así pois, Diario de Ferrol celebra os seus once anos de historia sen recibir agasallos senón dándoos a quen, segundo os membros dos diversos xurados responsables, son merecentes das súas distincións. A eles, ós seis premiados desta noite, se dirixe a miña segunda felicitación. Son persoas e colectivos que se caracterizan por ter proporcionado un servizo a Ferrol e ós seus cidadáns e por ser exemplo de superación e de compromiso con esta comarca.

Permítanme subliñar a capacidade de convocatoria que ten un xornal relativamente novo. A verdade é que entendo en gran medida esta resposta. Non son ferrolán de nacemento pero coñezo ben esta cidade, a súa historia, as súas xentes e, por qué non dicilo, as súas inquedanzas e retos de futuro.

Dende a miña responsabilidade de delegado do Goberno, visitei en varias ocasións e por diferentes motivos esta cidade e ría ferrolá. Estas viaxes permitíronme comprobar o avance desta cidade, a súa capacidade de superar as adversidades ás que se enfrontou na súa historia recente e os novos retos e perspectivas que está acadando co traballo diario dos seus cidadáns e das súas administracións.

E sempre, como non, baixo a atenta mirada dos medios de comunicación, en especial deste Diario de Ferrol co que hoxe compartimos este aniversario. Sen dúbida, unha mirada necesaria. Máis que iso, unha mirada imprescindible, por moito que ás veces sexa crítica ou pouco benevolente connosco, cos responsables políticos.

Porque, señoras e señores, o xornalismo é unha das arterias da democracia no noso país. O conxunto de medios de comunicación é o sistema nervioso das sociedades avanzadas. Funciona como unha rede de sensores dos sentimentos, desexos e ambicións da cidadanía. Esta rede está garantida na nosa Constitución a través da libertade de expresión e do dereito á información, piares constitucionais básicos dotados das máximas garantías legais.

Unha labor que, a pesares dos cambios tecnolóxicos e dos vaivéns das crises económicas, debe ser protexida polos poderes públicos e esixida polos cidadáns.

Quixera facer unha pequena reflexión. A pesares dos vaticinios dos grandes gurús da comunicación, eu teño fe nos xornais tradicionais. Porque a lectura dun xornal segue sendo unha experiencia única e porque a prensa, a pesares das novas tecnoloxías, segue a ser a principal fonte de información do resto de soportes mediáticos.

Esta realidade está máis viva que nunca na prensa local, porque é precisamente esa proximidade entre o lector e a fonte da noticia a que garante a pervivencia e a boa saúde deste tipo de xornalismo.

Con esta filosofía naceu Diario de Ferrol, recollendo o mellor da tradición xornalística dunha cidade que a finais do século dezanove mantiña a tres cabeceiras locais diarias, feito único en Galicia. E con esta filosofía, afortunadamente, segue a traballar día a día, facendo unha cidade mellor e uns cidadáns máis informados, máis críticos e, polo tanto, máis libres.

Que este compromiso non se perda e que, por moitos anos, poidamos xuntarnos neste aniversario, nesta festa do xornalismo, e, porque non, da cidade de Ferrol.