Isabel Rodríguez recoñece o esforzo extraordinario realizado polo persoal do SEPE na provincia de Lugo

Isabel Rodríguez recoñece o esforzo extraordinario realizado polo persoal do SEPE na provincia de Lugo

05/06/2020

A subdelegada agradece aos funcionarios do Servizo Público de Emprego Estatal a súa implicación que permitiu axilizar o pago do gran número de prestacións a traballadores prexudicados pola pandemia

O SEPE abonou esta semana 18,2 millóns a 29.271 traballadores da provincia por ERTEs e prestacións de desemprego. Desde o comezo da crise sanitaria as prestacións pagadas na provincia ascenderon a 45,7 millóns

Rodríguez cualifica de exemplar ao persoal do SEPE, igual que os profesionais das forzas de seguridade e da sanidade, son exemplo do valor que teñen para a sociedade os servizos públicos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríquez, visitou hoxe a dirección provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, para agradecerlle persoalmente aos empregados do SEPE na provincia de Lugo o esforzo extraordinario que veñen realizando para axilizar os pagos a todos os traballadores que se viron afectados por ERTEs desde o comezo da pandemia do COVID-19.

A subdelegada, acompañada pola directora provincial do SEPE, Estefanía Pita, trasladoulle ao persoal do SEPE na provincia o seu recoñecemento pola implicación e compromiso demostrado nestes meses nos que afrontan unha enorme carga de traballo para facer posible o pago das prestacións a todos os lucenses acollidos a un ERTE.

Isabel Rodríguez informou de que “froito dese enorme esforzo, esta mesma semana, o SEPE abonou 18,2 millóns de euros a 29.271 traballadores da provincia que cobraron prestacións ao estar acollidos a un ERTE ou en situación de desemprego. Desde o comezo da crise sanitaria, as prestacións pagadas polo SEPE na provincia superaron os 45,7 millóns de euros”.

“A responsabilidade demostrada polo persoal do SEPE é digna de recoñecemento. Vós, ao igual que os profesionais das forzas de seguridade e da sanidade, merecedes a nosa gratitude pola vosa dedicación e sodes o mellor exemplo da importancia que ten para a sociedade contar con servizos públicos fortes e de calidade”, a subdelegada.

Rodríguez engadiu que “desde a entrada en vigor do estado de alarma, o persoal do SEPE na provincia traballou sen descanso para que puideran cobrar as súas prestacións o máis axiña posible todos os traballadores lucenses afectados por expedentes de regulación temporal de emprego motivados pola crise sanitaria”. 

O SEPE conta con 11 oficinas na provincia de Lugo, dúas delas están situadas na capital da provincia e as outras 9 nos concellos de Becerreá, Burela, Chantada, Mondoñedo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, así como a Oficina de RATEL que se encarga da xestión de prestacións a través dun sistema de atención telefónica. 

Para atender estas oficinas, o Servizo Público de Emprego Estatal conta con un plantel de 62 funcionarios na provincia, aos que se engadiron 7 interinos no mes de abril.

Audio da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez (mp3)