Isabel Rodríguez expresa o seu horror pola traxedia de Tenerife
11/06/2021
A subdelegada clausurou o curso de especialización en violencia de xénero celebrado esta semana na Comisaría
Rodríguez remarca a importancia da formación dos axentes que loitan contra a violencia de xénero e asegura que “unha sociedade sa non pode permitir que se minimice a gravidade da violencia de xénero”
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, expresou hoxe a súa conmoción pola traxedia das nenas de Tenerife Olivia e Anna e manifestou que comparte, como toda a sociedade lucense, a dor da nai das pequenas, Beatriz Zimmermann.
Isabel Rodríguez, que participou na clausura dun curso de especialización para policías nacionais de Lugo, celebrado esta semana na Comisaría provincial, sinalou que o espanto que nos produce este suceso súmase ao horror causado polo asasinato de 17 mulleres no que levamos de ano.
En canto á nosa provincia, subliñou que, só no concello de Lugo, o ano pasado rexistráronse 159 denuncias por violencia de xénero e no que levamos de 2021 xa van 55.
A subdelegada destacou que “unha sociedade sa non pode permanecer impasible ante esta lacra, nin pode permitir que se minimice a gravidade da violencia de xénero”.
Rodríguez lembrou que a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para o Goberno e, neste contexto, destacou a importancia de que os membros das forzas de seguridade que traballan neste eido contén coa mellor formación posible.
“Desde a Subdelegación, iniciativas como este curso teñen todo o noso apoio”, indicou a subdelegada, que felicitou ao Comisario xefe e aos responsables da organización de este curso ao que asistiron, desde o luns, 17 membros do Corpo Nacional de Policía que traballan na provincia de Lugo na persecución de este tipo de delitos e na protección das vítimas.
O curso de especialización en violencia de xénero, doméstica, sexual e protección a vítimas tratou sobre aspectos xurídicos e médico-forenses, recursos de para a asistencia e protección das vítimas, a actuación con menores e persoas vulnerables, os delitos de violencia de xénero a través de medios tecnolóxicos, a actuación con vítimas estranxeiras e con colectivos LGTBI ou a valoración policial do risco.
A exposición destes temas correu a cargo de distintos expertos da Xustiza, a Fiscalía, a Policía, a Casa da Muller de Lugo e a Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno.