O exército súmase á loita contra os incendios en Galicia

O exército súmase á loita contra os incendios en Galicia

14/08/2020

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, acudiu hoxe á presentación oficial da campaña “Sentinela Galego” que comeza mañá e na que participarán 27 patrullas das Forzas Armadas.


A subdelegada do  Goberno,   Maica   Larriba, participou esta mañá na presentación das patrullas que formarán parte da Operación Sentinela Galego. Ao acto, que tivo lugar na Base Militar Xeneral Morillo, acudiu tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, e o xeneral xefe da Brilat, Luis Cortes Delgado.

En total, case medio millar de militares participarán este ano na operación antincendios que se desenvolverá do 15 de agosto ao 30 de setembro en todo o territorio autonómico, de acordo ao subscrito no convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia e que, en palabras de Larriba, “evidencia a estreita participación do Goberno de España coa Xunta de Galicia na loita contra o lume e na vixilancia dos montes”.

Dentro deste marco de colaboración, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico dispón dos seguintes medios de actuación na comunidade autónoma: dous avións anfibio de gran capacidade no aeroporto de Santiago de Compostela, dous avións de carga en terra en Xinzo de Limia (Ourense), dous helicópteros de transporte de brigadas de reforzo (BRIF) en Laza (Ourense), así como unha Unidade Móbil de Análise e Planificación (UMAP) na mesma base e unha Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF). Ademais dos medios aéreos fixos, ten outros 73 dispoñibles noutros puntos do territorio.

Por parte do Ministerio de Defensa, as Forzas Armadas trasladarán 27 patrullas terrestres, que se elevarán até 50 e un helicóptero de vixilancia nos momentos de risco alto, e até 75 patrullas e 2 helicópteros de vixilancia nas situacións de risco moi alto. Participan no operativo a Brigada Galicia VII (Brilat) e o Terzo Norte de Infantaría de Mariña, cunhas 460 persoas para tarefas de prevención, alerta, extinción ou investigación.

Ademais, a Dirección Xeral de Protección coordina o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias (UME), poñendo a disposición da comunidade autónoma seis seccións na súa base de León e situando medio centenar de persoas e diversos vehículos na base Xeneral Morillo en Figueirido (Pontevedra), entre o 1 de agosto e o 30 de setembro.

Por último, a subdelegada do Goberno quixo agradecer “o esforzo que realizan os militares do Exército e da Armada española que cada ano participan na Operación Sentinela de vixilancia dos montes galegos”.