Isabel Rodríguez coordina a participación das forzas de seguridade na campaña contra os incendios forestais na provincia

Imaxe da reunión na Subdelegación de Lugo

16/06/2020

A subdelegada subliña a colaboración do Goberno coa Xunta de Galicia no dispositivo contra incendios, que se traduce na achega de persoal e medios dos ministerios do Interior, Defensa e Transición Ecolóxica para combater os lumes

Rodríguez reuniuse con representantes da Garda Civil, a Policía Nacional e Protección Civil da Subdelegación do Goberno, que participaron hoxe nunha xuntanza do Comité de Coordinación Provincial Antiincendios de Lugo

No que vai de ano, as forzas de seguridade do Estado investigaron 4 persoas por incendios forestais na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, reuniuse esta mañá con representes da Garda Civil, a Policía Nacional e do servizo de Protección Civil da Subdelegación do Goberno para coordinar a participación da administración do Estado na campaña contra os incendios forestais na provincia de Lugo. Na xuntanza coa subdelegada tomaron parte o xefe do Seprona, tenente Carlos Rodríguez; e o responsable do equipo de Incendios da Comandancia da Garda Civil, Jaime Lage; o inspector xefe da brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, Pablo Fernández, e o inspector da mesma brigada, Hugo Saavedra; así como o xefe da Unidade de Protección Civil da Subdelegación do Goberno, Juan Yáñez, que posteriormente participaron, por vía telemática, nunha reunión do Comité de Coordinación Provincial Antiincendios de Lugo para establecer as zonas de cobertura das Forzas e Corpos de Seguridade e do Ministerio de Defensa.

Isabel Rodríguez subliñou que o Goberno ten un compromiso decidido na loita contra os incendios forestais e a conservación do medio ambiente, proba disto é a colaboración que presta á Xunta de Galicia no dispositivo que se despregará este verán en todo o territorio da provincia e o resto da Comunidade Autónoma para loitar contra o lume e o traballo constante que fan as forzas de seguridade do Estado na persecución deste tipo de atentados contra o medio ambiente..

A subdelegada indicou que o dispositivo para a campaña contra os incendios deste verán en Galicia contará con medios e persoal dos ministerios do Interior, Defensa e Transición Ecolóxica. En total son máis de 500 persoas e dez medios aéreos que o Goberno pon a disposición da Xunta para combater os incendios forestais.

A campaña de verán supón un reforzo da actividade que durante todo o ano levan a cabo as forzas e corpos de seguridade do Estado para protexer o medio ambiente. Neste sentido, a subdelegada informou de que desde o mes de xaneiro, a Garda Civil e a Policía Nacional detiveron ou investigaron 4 persoas por delitos de incendios. En 2019 foron 26 as persoas detidas ou investigadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado por incendios e delitos contra o medio ambiente na provincia de Lugo.

Audio da subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez (mp3)