A subdelegada anuncia unha nova actuación do Goberno no Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo

A subdelegada anuncia unha nova actuación do Goberno no Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo

03/12/2019


Isabel Rodríguez, informa de que Fomento investirá case 235.000 euros en Portomarín para crear un Centro de Visitantes do Castro, en Castromaior

Esta actuación está incluída no plan de actuacións de interese cultural no Camiño Francés a Santiago de Compostela


 A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou esta mañá que o Ministerio de Fomento dará comezo en breve as obras dun dos proxectos que impulsa na provincia para a potenciación do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo.

Isabel Rodríguez explicou que Fomento vai crear un Centro de Visitantes no contorno do Castro, en Castromaior, no municipio de Portomarín. Este proxecto, que se levará a cabo no Camiño Francés ao seu paso polo concello de Portomarín, foi seleccionado no concurso de proxectos dentro do plan de actuacións de interese cultural no Camiño Francés a Santiago de Compostela.

A subdelegada informou de que Fomento investirá 234.746 euros nesta actuación, que foi adxudicada á empresa COPCISA. A obra conta cun prazo de execución de 18 meses. Os trámites de Fomento para a execución deste proxecto están moi adiantados, pois hoxe mesmo o Boletín Oficial do Estado publica o anuncio de sinatura do contrato para a realización das obras.

O Centro de Visitantes levantarase nunha parcela de 5.500 m2 próxima a Castromaior, en Portomarín, que é lindeira co Camiño de Santiago en dirección a Palas de Rei.

O proxecto prevé que o Centro conte con un espazo de atrio para a recepción de visitantes e peregrinos, dúas salas de exposición e un área de arqueoloxía. Na entrada, está prevista unha pequena sala na que se proxectará un audiovisual explicativo.