Maica Larriba impulsa unha permuta de terreos municipais de Caldas de Reis e do actual cuartel da Garda Civil

Maica Larriba impulsa unha permuta de terreos municipais de Caldas de Reis e do actual cuartel da Garda Civil

17/12/2019


A subdelegada do Goberno en Pontevedra propiciou unha reunión entre o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey e o Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal, para promover a colaboración entre ambas institucións que melloren as instalacións do actual cuartel, ao mesmo tempo que enriquecer o proxecto de urbanización da Travesía de Dona Urraca


Maica  Larriba mantivo unha reunión entre o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, e o Coronel Xefe da  Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón  Venzal, para tratar a proposta municipal que melloraría as actuais instalacións do  cuartel e  os seus servizos.

Respecto diso, o alcalde de Caldas puido expoñer a proposta de permuta de terreos municipais para ampliar a zona de aparcamentos e almacéns do actual cuartel, lindeiros coa súa localización actual. Con esta permuta, pola súa banda, o concello podería ampliar unha das súas rúas contiguas ao cuartel, mellorando así, a urbanización nesta zona. En concreto, trátase da Travesía de Dona Urraca, onde a administración local quere desenvolver o proxecto de ampliación e urbanización a longo deste próximo ano.

Pola súa banda, Simón Venzal considerou viable a proposta e comprometeuse a informar  as instancias correspondentes do Ministerio do Interior para realizar a tramitación oportuna e levar a bo fin esta proposta.

O alcalde de Caldas agradeceu a mediación da subdelegada do Goberno e a receptividade manifestada polo propio Coronel Xefe da Benemérita.

Pola súa banda,  Maica  Larriba manifestou “a súa satisfacción pola disposición tanto por parte do responsable da Garda Civil en Pontevedra como polo propio alcalde, para chegar a acordos de colaboración  que conlevan melloras na vida municipal dos concellos pontevedreses e neste caso para os veciños e veciñas de Caldas que contarán cunha nova zona de servizos no seu concello”.