A Xunta Local de Seguridade de Ourense constata unha diminución dos casos de agresións de carácter sexual cometidos na cidade neste ano

A Xunta Local de Seguridade de Ourense constata unha diminución dos casos de agresións de carácter sexual cometidos na cidade neste ano

12/12/2019


Na Xunta Local realizouse a análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no concello.

As Forzas e Corpos de Seguridade realizaron no ano 2019 maior número de detencións e de identificacións e incrementaron o número de casos esclarecidos.

Informouse do incremento do número de axentes nas rúas durante as Festas de Nadal para previr actos delituosos.


A Subdelegación do Goberno acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade do Concello de Ourense na que se realizou a análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero no Concello.

Na Xunta Local analizáronse os datos de delincuencia rexistrados en Ourense no ano 2019. Os datos aportados polas Forzas e Corpos de Seguridade apuntan a un descenso das agresións de carácter sexual en comparación co ano pasado, mentres se rexistra unha lixeira subida dos delitos patrimoniais, debido fundamentalmente ao incremento dos delitos cibernéticos, e un incremento da actividade delituosa contra o patrimonio. Constátase, así mesmo, un incremento da delincuencia itinerante dentro dos delitos patrimoniais.

No ano 2019 produciuse un incremento no número de detencións e de esclaremento de casos con respecto ao ano 2018, así como no número de identificacións. Igualmente se rexistrou un aumento do número de solicitudes de asilo, contando no que vai de ano con 278.

Na reunión púxose de manifesto que o concello de Ourense segue a manter una taxa de criminalidade baixa, situándose a provincia como a segunda de Galicia máis segura. En palabras de Emilio González “o concello de Ourense segue a ser un concello seguro no que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno indícase que na actualidade hai activos no sistema VioGen 380 casos en toda a provincia, correspondendo 172 ao concello de Ourense.  No ano 2019 rexistráronse 132 novos casos deste tipo en Ourense. En canto ao seguimento dos casos activos 114 son asignados á Policía Nacional, 26 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 32 á Policía Local.

Igualmente, informouse da activación do protocolo de operativos ante as vindeiras Festas de Nadal e de Reis, que contará co incremento do número de axentes nas rúas para previr actos delituosos. Así mesmo, nos actos públicos nos que se prevea a afluencia de numerosas persoas activaranse os operativos de seguridade habituais da Policía Nacional e da Policía Local.

Por último, as Asociacións de Veciños presentes na reunión solicitaron que se incremente a vixilancia nos establecementos autorizados de xogo e/ou apostas da cidade co fin de detectar e erradicar a posibilidade de que os menores de idade entren e xoguen.

A reunión levouse a cabo baixo a presidencia compartida do Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e do Alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañados pola Xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado Morales; a Concelleira de Seguridade Cidadá e Comercio, Mª Mar Fernández Dibuja; membros dos Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e da Policía Local; e representantes das asociacións de veciños.