A subdelegada do Goberno en Lugo informa do próximo comezo das obras do Centro da Seguridade Social de Viveiro
02/12/2019
Rodríguez destacou que hoxe se publicase no Boletín Oficial do Estado o anuncio da formalización do contrato para a execución do proxecto
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que nunhas semanas comezarán as obras de construción do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social en Viveiro. Rodríguez destacou que este luns publicase no Boletín Oficial do Estado do anuncio da formalización do contrato para a execución do proxecto.
A subdelegada lembrou que o ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social investirá 844.000 euros (IVE incluído) na creación do novo edificio, que se levantará nunha parcela situada fronte á zona portuaria. A dirección provincial do INSS adxudicou as obras á empresa Construcciones Jesús Naray e teñen un prazo de execución de dez meses.
O novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social de Viveiro, que dá servizo aos veciños dos concellos da Mariña Oriental, será un edificio de nova construción que se vai levantar nunha parcela de 1.490 m2 que é propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social e está situada na avenida de Ramón Canosa, número 6, a carón do edificio de Correos.
O proxecto da nova sede da Seguridade Social prevé a construción dun edificio acristalado e rectangular, dunha única planta. Terá 294 m2 dedicados a área administrativa, que incluirá a zona de atención aos cidadáns, e outros 74 para para servizos como arquivo ou almacén.
Na parte posterior do edificio está prevista a creación dunha zona de aparcamento con capacidade para 11 automóbiles, 1 praza reservada para persoas con mobilidade reducida e área para o estacionamento de motocicletas e bicicletas.