DISCURSO DEL DELEGADO DEL GOBIERNO EN GALICIA EN EL ACTO DE INAUGURACIÓN DEL CENTRO RESIDENCIAL ASPACE II

26/04/2010

Permítanme, en primeiro lugar, agradecer á Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral da Coruña que me teñan invitado, como representante do Goberno de España, a participar neste acto de inauguración do Centro de Asistencia e Educación Especial de ASPACE.

Inauguramos hoxe este centro, e hoxe é o momento de recoñecer o voso traballo, o das nais e pais das persoas con parálise cerebral, recoñecervos o esforzo, a loita, a perseverancia, o valor. A valentía de tomar a enfermidade dos vosos fillos como un reto na vida e non como un castigo.

Seguramente non haxa momento máis emocionante na vida dun político que aquel no que se fai tanxible que coas nosas accións contribuímos, de xeito decisivo, a mellorar a vida das persoas. E ese momento é hoxe. O momento no que da cooperación entre a sociedade civil organizada e a Administración pública nace un lugar onde as persoas con discapacidade terán a oportunidade de traballar para acadar o máximo nivel de desenvolvemento personal. Un espazo para a igualdade de oportunidades.

E oportunidades para as persoas en situación de dependencia ven sendo un dos obxectivos de traballo do Goberno de España. Actuacións como a Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia, máis coñecida como Lei de Dependencia, e chamada a ser o cuarto piar do Estado do Benestar, demostran o compromiso do Goberno coas persoas que máis o necesitan. Unha lei que recoñece un novo dereito da cidadanía no noso país, o dereito das persoas que non se poden valer por si mesmas a ser atendidas polo Estado, e que garante unha serie de prestacións económicas, ofrecendo estabilidade nos servizos e recursos de atención á dependencia.

Unha lei, un sistema, o sistema para a autonomía e a atención á dependencia, do que tamén son destinatarias as familias, as persoas que adican a súa vida a coidar a aqueles que máis o necesitan.

Na actualidade, máis de medio millón de persoas perciben en España as prestacións recoñecidas pola Lei de Dependencia. O número de solicitudes supera o millón e xa están valoradas o 90%. Pero non estamos conformes, non o estaremos ata que todas as persoas que o necesitan sexan atendidas, por iso fixemos un esforzo orzamentario nestes tres primeiros anos de implantación da lei destinando 3.321 millóns de euros ao Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. Ese compromiso reflíctese tamén nos Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2010, que destinan preto de 1.700 millóns de euros para o sistema de dependencia, un 37% máis que no 2009.

Derivadas desta lei póñense en marcha ferramentas como o Portal da Dependencia, no que se centraliza toda a información do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o Servizo de Información sobre a Discapacidade, unha web para o establecemento e desenvolvemento dun sistema de información de carácter estatal sobre discapacidade a través de Internet, de acceso público, libre e gratuíto. Nace tamén o Observatorio Estatal da Discapacidade, co fin de facilitar o estudo de datos sobre a discapacidade, abordando de modo transversal todas as facetas da vida das persoas con discapacidade.

Como comprobamos, o labor do Goberno de España non se limita só á colaboración económica con asociacións como ASPACE, achegando 225.000 € para a construción deste centro, senón que vai moito máis alá.

Decíao antes, a igualdade de oportunidades para as persoas en situación de discapacidade é un dos obxectivos do Goberno estatal. Con esa meta seguiremos traballando, sempre da man daqueles que loitan por darlles aos seus familiares un presente e un futuro mellor.