Maica Larriba anuncia a apertura dun posto da Garda Civil en Vilanova de Arousa

14/05/2021

A subdelegada do Goberno reuniuse hoxe co alcalde da localidade, Gonzalo Durán, e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, para ultimar os detalles da apertura dun punto de información á cidadanía no municipio.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e os principais responsables do corpo na zona, para ultimar os detalles da instalación dun posto de atención á cidadanía da Garda Civil na localidade.

Larriba anunciou que a súa presenza hoxe na vila tiña como obxectivo outorgarlle “un carácter formal e definitivo a unha iniciativa na que xa levan un tempo traballando tanto o Concello como os responsables da Garda Civil e que fará posible que este corpo volva a ter presenza física en Vilanova de Arousa”.

O novo posto situarase nun local cedido polo Concello e próximo ao edificio consistorial. Durante a reunión, o Concello comprometeuse a adecuar as novas dependencias antes da temporada estival.

Tal e como explicou a subdelegada, “o desexo é que Vilanova de Arousa poida contar con este novo punto de atención á cidadanía no verán, xa que é un municipio turístico e durante estes meses rexistra unha importante actividade e afluencia”.

A subdelegada amosou a súa satisfacción por este acordo, xa que “permitirá achegar os servizos que presta a Garda Civil á todos os arousáns e arousás” e agradeceu a colaboración do Concello de Vilanova de Arousa “pola súa colaboración e dispoñibilidade ao proporcionar un espazo para poder facer realidade a presenza física da Garda Civil no municipio”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade asegurou que  “a volta das instalacións da Garda Civil a Vilanova de Arousa era unha reivindicación histórica e por iso este acordo énchenos de satisfacción a nós e aos nosos veciños e veciñas”. O rexedor destacou  ademais que “este é un paso máis para recuperar a nosa identidade coma vila”.