Pedro Blanco reitera que “para este Goberno non hai límite de medios na resposta diante dun incendio forestal en Galicia”

Pedro Blanco reitera que “para este Goberno non hai límite de medios na resposta diante dun incendio forestal en Galicia”

28/07/2023

O delegado subliña a cooperación do Goberno coa Xunta na protección das masas forestais, da poboación e das infraestruturas a través de tres ministerios, os tres exércitos, a UME, a Garda Civil e a Policía Nacional

Lembra que no ano 2022, Galicia foi a Comunidade Autónoma española que máis veces requiriu a participación dos medios de extinción estatal, en 118 incendios, dos que oito deles foron cualificados como “Grandes Incendios Forestais”

Os medios aéreos do Ministerio para a Transición Ecolóxica multiplicaron por cinco a súa actividade en Galicia o verán pasado con máis de 2.000 horas de voo en incendio

A “Operación Centinela Gallego” cumpre 17 anos despregando patrullas militares nos concellos galegos con maior risco de incendios


O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reiterou hoxe que “para este Goberno non hai límite de medios na resposta diante dun incendio forestal en Galicia”. E lembrou o apoio estatal ao dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia,   coa dispoñibilidade de preto de 4.000 efectivos e 10 medios aéreos, ademais doutros equipos especializados de vixilancia e investigación e distintos sistemas aéreos non tripulados. Pedro Blanco remarcou este compromiso na presentación da “Operación Centinela Gallego”, coa que o Ministerio de Defensa colabora coa Xunta na vixilancia dos montes de 30 concellos con maior risco de sufrir lumes este verán. Este acto celebrouse na Base Helitransportada do Campiño (Pontevedra) coa asistencia do conselleiro do Medio Rural, José González; o xefe da Brilat, xeneral de brigada Alfonso Xeneral de Brigada Alfonso Pardo de Santayana; o coronel Xefe do Terzo Norte de Infantería de Mariña, Francisco Guerrero; e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba.

O delegado lembrou que o Goberno apoia o dispositivo da Xunta de Galicia a través do convenio que asinan ambos actores ao principio da campaña de máximo risco. Esta colaboración implica a tres ministerios, os tres exércitos, a UME, a Garda Civil e a Policía Nacional, nun operativo que pode ampliarse en función das necesidades de cada momento.

Así ocorreu en 2022, lembrou o delegado, no que Galicia foi a Comunidade Autónoma española que máis veces requiriu a participación dos medios estatais de extinción de incendios. Pedro Blanco apuntou que os medios estatais participaron na extinción de 118 lumes, dos que oito alcanzaron a cualificación de “Grandes Incendios Forestais” e esixiron a participación da Unidade Militar de Emerxencias.

Esta actividade reflectiuse nos medios aéreos, que o verán pasado multiplicaron por cinco as intervencións do ano anterior e superaron as dúas mil horas de voo en incendio e as 8.100 descargas de auga. “Galicia rexistrou o 25% de todas as horas voadas polos avións do Ministerio en España”, apuntou Pedro Blanco.

A pesares deste incremento da actividade, “da gravidade dos lumes, e de que evacuamos a máis de 1.800 persoas”, Pedro Blanco destacou que non houbo perdas de vidas humanas.