Maica Larriba pon en valor o papel da muller na investigación pesqueira para lograr os obxectivos económicos e de sustentabilidade no sector

Presentació do documental en Marín

08/03/2022

 Durante a súa intervención subliñou o traballo do Goberno de España para o impulso da muller na pesca a través de iniciativas como o Plan para a Igualdade de Xénero no Sector Pesqueiro 2021-2027 que vén de publicar o Ministerio de Agricultura, pesca y Alimentación.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, puxo en valor hoxe “o papel da muller no ámbito da investigación pesqueira para lograr o desenvolvemento da pesca e para poder lograr os obxectivos se sustentabilidade, tanto medioambientais como económicos e sociais do sector en Galicia”. Maica Larriba participou hoxe en Marín na proxección do documental “Nereidas en la pesca” da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (Opromar). Esta iniciativa organizada co gallo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, mostra o traballo de varias investigadoras e contribúe a “poñer en valor unha parte das múltiples facetas que as mulleres xogan no oficio da pesca, neste caso desde os centros de investigación”.

Así a subdelegada do Goberno destacou “a aposta firme e decidida de Opromar por visibilizar o traballo da muller na pesca”a través da serie de tres documentais do que forma parte o proxecto “Nereidas en la pesca” ao tempo que afirmou que “este tipo de iniciativas son clave para darlle o valor que merece á labor e á actividade da muller no sector pesqueiro”. Maica Larriba felicitou a Itxaso Salinas, a Yolanda Vila e a Estíbaliz Martínez, protagonistas do documental, por “relatar a súa experiencia profesional e arroxar luz sobre a realidade de moitas mulleres que se dedican á investigación, neste caso particular no ámbito da pesca”.

“A investigación científica é unha ferramenta fundamental para a mellora da xestión pesqueira e para garantir os recursos marítimos no futuro”, asegurou a subdelegada do Goberno, ao tempo que incidiu na “importancia de trasladar este coñecemento científico aos profesionais do sector”.

Nesta liña, Maica Larriba subliñou que o papel das mulleres no terreo da investigación pesqueira non parou de medrar nos últimos anos e convidou a “seguir traballando de maneira conxunta para darlles maior visibilidade e favorecer, non só a súa incorporación á actividade pesqueira, senón para que estean presentes en todos os postos e niveis do sector”. Así mesmo, durante a súa intervención subliñou o traballo do Goberno de España para o impulso da muller na pesca a través de iniciativas como o Plan para a Igualdade de Xénero no Sector Pesqueiro 2021-2027 que vén de publicar o Ministerio de Agricultura, pesca y Alimentación.

Por último, Maica Larriba animou á flota pesqueira e ao mundo da investigación a “seguir traballando en unidade de acción para favorecer a competitividade do sector e garantir o futuro dos recursos pesqueiros nas augas de interese para a pesca galega”.

A subdelegada do Goberno tamén tivo palabras de recordo para as vítimas do tráxico naufraxio do Villa de Pitanxo e reiterou o seu apoio e o do Goberno de España ás súas familias nestas circunstancias de tanta dificultade.