Maica Larriba agradece o traballo dos efectivos da UME desprazados á provincia

Maica Larriba agradece o traballo dos efectivos da UME desprazados á provincia

31/08/2020

Para iso achegouse ata a base militar de Figueirido, onde un destacamento para a intervención rápida do V Batallón da UME está desprazado durante a época estival.

A subdelegada do goberno quixo agradecer aos membros da unidade o seu compromiso na loita contra os incendios forestais na comunidade autónoma.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quixo manifestar persoalmente o seu agradecemento aos efectivos do V Batallón de Intervención en Emerxencias da UME (BIEM V) desprazados na provincia para dar apoio e cobertura nos incendios forestais en Galicia.

Desde o pasado 15 de xuño, este destacamento fixo, con base en León e integrado por 23 militares pertencentes a un pelotón da Sección de Intervención en Emerxencias Naturais, atópase na Base “Xeneral Morillo” de Figueirido. Os medios materiais despregados na base pontevedresa - que coma os humanos, poden ser reforzados segundo a análise de risco-, están integrados por 3 autobombas, 1 vehículo nodriza e 1 sistema de mando e control para integrar no dispositivo xeral de contacto, con capacidade de retransmisión de vídeos tanto a través de helicóptero coma de drones, amais de 2 vehículos lixeiros, 1 vehículo de comunicacións e 1 camión de carga.

Durante a súa visita, a subdelegada do Goberno quixo transmitir o seu recoñecemento e agradecemento “aos homes e mulleres desta unidade, que desde a súa creación no ano 2006 gañáronse o respecto de toda a cidadanía grazas ao seu traballo, efectividade e empeño”. Así mesmo, Larriba quixo lembrar “o impagable traballo que o Exército español realizou durante a pandemia coa UME na primeira liña. Traballos de desinfección, patrullaxe e formación daquel persoal que tiña que estar en contacto directo cos contaxiados, sobre todo nas residencias de maiores, e que evidencian o seu compromiso coa cidadanía española nos momentos máis críticos e a súa importancia”.

Na súa visita, a subdelegada do Goberno estivo acompañada polo tenente coronel ao mando do Batallón V da UME, José Alberto Barjas, e polo subdelegado de Defensa en Pontevedra, o coronel, Ángel de Miguel. A subdelegada do Goberno foi recibida tamén polo coronel ao mando da Base “Xeneral Morillo”, Miguel Cortés.

Pola súa banda, as autoridades militares quixeron recalcar o seu compromiso coa sociedade galega, que materializase, ademais de coa mobilización presencial de efectivos dentro da comunidade, poñendo a disposición da comunidade autónoma seis seccións da súa base de León. Neste sentido, o coronel José Alberto Barjas subliñou que para acadar o obxectivo de “acurtar prazos de reacción, dar apoio e incorporar dispositivos, o equipo de 23 persoas mobilizadas en Figueirido conforman a primeira forza de reacción. Sobre esta, chegamos a despregar 140/150 militares en cuestión de dúas horas e medias, tal e como marca o noso compromiso de apoio”. Así mesmo, lembrou que este verán “a Xunta de Galicia viuse obrigada a solicitar o apoio da Unidade Militar de Emerxencias por catro lumes producidos entre finais de xullo e principios de agosto. Ademais, colaboramos co resto de dispositivos locais e autonómicos, e tamén do Estado, como son as BRIF”.

Máis de 200 incendios e 4.500 hectáreas queimadas en Galicia

Segundo os datos do Centro de Coordinación da Información Nacional sobre Incendios Forestais (CCINIF), en Pontevedra producíronse no que vai de ano 35 incendios e 250 conatos que sumaron 337 hectáreas calcinadas. Maica Larriba avanzou que estas cifras “supoñen tan so o 25 % dos lumes rexistrados en Galicia, onde se produciron 238 incendios e 863 conatos, que arrasaron un total de 4.751 hectáreas de superficie forestal”. Non obstante, a subdelegada solicitou á veciñanza “a súa colaboración e implicación na prevención dos lumes para evitar un aumento destes números”.

Compromiso do Goberno na loita contra o lume

Maica Larriba lembrou que “a UME é un medio extraordinario co cal o Goberno de España apoia ás comunidades autónomas en caso de emerxencias”, e recalcou que “como medios ordinarios, o goberno de España, a través do Ministerio de Transición Ecolóxica, ten con base permanente en Galicia durante o verán, dous avións anfibios de gran capacidade no aeroporto de Santiago de Compostela, dous avións de carga en terra en Xinzo de Limia (Ourense), dous helicópteros de transporte de brigadas de reforzo (BRIF) en Laza (Ourense), unha Unidade Móbil de Análise e Planificación (UMAP) na mesma base, así como unha Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF)”. “En total, estes medios realizaron ata o 16 de agosto 315 intervencións en Galicia, das cales 12 producíronse na provincia, e son froito da coordinación interadministrativa, esencial para facer fronte aos incendios forestais na comunidade”, concluíu a subdelegada.