A Delegación do Goberno informa dunha nova convocatoria con 1,2 millóns de euros para actividades deportivas das Comunidades

A Delegación do Goberno informa dunha nova convocatoria con 1,2 millóns de euros para actividades deportivas das Comunidades

27/08/2020

Galicia conta con dous centros de tecnificación deportiva recoñecidos polo Consello Superior de Deportes

O obxectivo da convocatoria é subvencionar os programas deportivos de tecnificación ou alto rendemento desenvolvidos o ano pasado


A Delegación do Goberno informa dunha nova convocatoria con 1,2 millóns de euros para actividades deportivas das Comunidades Autónomas. A liña de axudas, publicada hoxe no BOE, ten quince días para a súa solicitude.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, explicou que o obxectivo da convocatoria é subvencionar os programas deportivos de tecnificación ou de alto rendemento levados a cabo o ano pasado. En concreto, está focalizada nos centros de tecnificación deportiva e centros especializados de tecnificación deportiva. Galicia conta con dous recoñecidos polo Consello Superior de Deportes.

A Delegación do Goberno destaca o traballo do ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, por Galicia. Ademáis desta convocatoria de subvencións, realizada a través do Consello Superior de Deportes, hai uns días impulsou outros 13,5 millóns para o cine, 4 millóns de euros para librarías independentes e realizou actuacións nos últimos meses que mostran o seu compromiso coa Comunidade, entre as que destacan o impulso ao Xacobeo 2021, que xa conta cunha prórroga dos seus beneficios fiscais ata 2022, coas máximas cantidades que pode establecer o Goberno.

Na actualidade Galicia conta con dous centros especializados. Son o Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra e o Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo en Tui (Pontevedra).

Esta liña de axudas é paralela á aposta do Goberno por establecer un escudo social fronte á COVID-19. É a primeira vez que se aborda unha crise con inxección de fondos en lugar de recortes. Vén a complementar outras medidas previas para combatir a falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o Ingreso Mínimo Vital.

As aportacións económicas directas do Goberno teñen un impacto en Galicia de ao redor de 400.000 persoas. Tamén hai partidas directas de inxección de liquidez pública, coma o reparto destes fondos de servizos sociais, os entregados de maneira directa a sanidade ou os dados á autonomía, pendentes de novos repartos das sucesivas partidas, para afrontar os gastos derivados da pandemia.