A Delegación do Goberno informa de 7 millóns de euros en axudas para os concellos nos que pechan as centrais térmicas

A Delegación do Goberno informa de 7 millóns de euros en axudas para os concellos nos que pechan as centrais térmicas

25/08/2020


Os municipios galegos de Cerceda e As Pontes están entre os que poden solicitar acollerse a esta convocatoria

O peche da térmica de Meirama (Cerceda) xa ten activado o proceso participativo do Convenio de Transición Xusta, que busca reorientar o tecido industrial mantendo o nivel de emprego

A meta do Goberno é darlle continuidade á vida nos concellos que perden centrais térmicas ao tempo que mellora o coidado ambiental


A Delegación do Goberno informa de 7 millóns de euros en axudas para os concellos nos que pechan as centrais térmicas. En Galicia, os concellos que están incluídos entre os posibles solicitantes son Cerceda e As Pontes, ambos na provincia da Coruña.

O delegado do Goberno, Javier Losada, celebrou a publicación no BOE de hoxe da resolución que convoca as axudas a proxectos de entidades locais afectadas por un proceso de peche de centrais termoeléctricas de carbón. Esta contempla unha partida orzamentaria de 7 millóns de euros, cun importe máximo financiable por proxecto de un millón de euros.

Entre os criterios para valorar as propostas, destaca a xeración de emprego sostible, seguido pola localización da inversión nos concellos afectados. As novas tecnoloxías, o aproveitamento dos recursos propios, o desenvolvemento da actividade e o arrastre duotras actividades son outros dos criterios contemplados.

A Delegación do Goberno pon en valor o traballo por Galicia da vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera. Esta queda patente, ademáis de nesta convocatoria de axudas, en outros proxectos como os Convenios de Transición Xusta, que buscan darlle continuidade á vida nos concellos que perden centrais térmicas ao tempo que mellora o coidado ambiental.

Nese sentido, a Delegación do Goberno lembra que o proceso participativo do Convenio de Transición Xusta para Meirama xa está aberto, á espera das diferentes propostas para reorientar o tecido industrial mantendo sempre o nivel de emprego.

Esta medida chega de forma paralela á aposta do Goberno por establecer un escudo social fronte á COVID-19. É a primeira vez que se aborda unha crise con inxección de fondos en lugar de recortes. Vén a complementar outras medidas previas para combatir a falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o Ingreso Mínimo Vital.

As aportacións económicas directas do Goberno teñen un impacto en Galicia de ao redor de 400.000 persoas. Tamén hai partidas directas de inxección de liquidez pública, coma o reparto destes fondos de servizos sociais, os entregados de maneira directa a sanidade ou os dados á autonomía, pendentes de novos repartos das sucesivas partidas, para afrontar os gastos derivados da pandemia.