A Delegación do Goberno subliña o descenso dun 23% das persoas en situación de ERTE en Galicia na primeira quincena de agosto

A Delegación do Goberno subliña o descenso dun 23% das persoas en situación de ERTE en Galicia na primeira quincena de agosto

18/08/2020


O descenso na Comunidade galega supera a media estatal, situada en agosto nun 19%

O escudo social do Goberno fronte á COVID-19 prorrogou as suspensións temporais de emprego ata o 30 de setembro

As persoas en situación de ERTE perciben unha prestación mentres non retornen a súa actividade


A Delegación do Goberno subliña o descenso dun 23% das persoas en situación de ERTE en Galicia na primeira quincena de agosto. Os sectores con máis recuperación de emprego son os de servizos de aloxamento e transporte.

O delegado do Goberno, Javier Losada, explicou que entre o pasado 31 de xullo e esta última fin de semana, un 23% das persoas en suspensión temporal de emprego en Galicia finalizaron esta situación. Trátase dunha recuperación da actividade laboral en todos os sectores, agás na das axencias de viaxe, o único que medrou (1%).

Javier Losada resaltou o descenso no sector de servizos de aloxamento (36%) e transporte (30%), seguidos por servizos de comidas e bebidas (29%), comercio e venda de vehículos de motor (20%), ocio, cultura e actividades deportivas (19%), educación (13%) e comunicación, publicidade e edición (8%).

O descenso dos ERTE en Galicia é superior á medida estatal, situada nesta primeira quincena de agosto nun 19%. A Delegación do Goberno incide no importante papel do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, e a ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, neste ámbito, ademáis do seu especial compromiso con Galicia.

Os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) vinculados á pandemia da COVID-19 son considerados de forza maior. Levan asociada unha prestación económica mentres non se recupere a actividade laboral, un feito que pode realizarse ata o 30 de setembro, data final da prórroga desta medida de protección.

Esta medida enmárcase na aposta do Goberno por establecer un escudo social fronte á COVID-19. É a primeira vez que se aborda unha crise con inxección de fondos en lugar de recortes. Vén a complementar outras medidas previas para combatir a falta de liquidez, como os ERTE, as axudas para persoas autónomas ou o Ingreso Mínimo Vital.

As aportacións económicas directas do Goberno teñen un impacto en Galicia de ao redor de 400.000 persoas. Tamén hai partidas directas de inxección de liquidez pública, coma o reparto destes fondos de servizos sociais, os entregados de maneira directa a sanidade ou os dados á autonomía, pendentes de novos repartos das sucesivas partidas, para afrontar os gastos derivados da pandemia.