Concello e Subdelegación do Goberno ratifican a participación da Policía Local de Oleiros no sistema Vioxén de loita contra a violencia machista
12/08/2020
A Xunta Local de Seguridade aproba o protocolo de convenio que asinará o Concello co Ministerio do Interior para prorrogar a súa participación no operativo Vioxén
O grao de seguridade cidadá no Concello de Oleiros aumentou nun 25 por cento no primeiro semestre de este ano
O Concello de Oleiros e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a participación da Policía Local deste municipio no sistema Vioxén de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde Ángel García Seoane e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo.
A Xunta Local de Seguridade aprobou o protocolo de convenio que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presencia da Policía Local no sistema Vioxén. Este protocolo será remitido ao Ministerio para a súa validación e posterior sinatura por parte do director xeral do Ministerio de Interior e facer efectiva desta maneira a participación de Oleiros neste operativo.
O sistema Vioxén permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais asumen o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Policía Nacional se encarga dos casos máis graves.
Este protocolo establécese tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que están presentes a Policía Local e a Garda Civil e que ten como finalidade principal aunar esforzos na loita contra a violencia machista.
Pilar López-Rioboo trasladou ao alcalde o seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas e que culminarán coa prórroga da Policía Local dentro do sistema Vioxén.
Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar a coordinación e a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.
Ao remate da reunión, a subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nos últimos meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas.
Por outra parte, na reunión tamén se analizaron os datos relativos ao grao de seguridade cidadá en Oleiros, de tal xeito que se comprobou que o índice de criminalidade descendiu aproximadamente nun 25% no primeiro semestre deste ano en comparación co mesmo período do ano anterior. Este descenso evidemente é consecuencia do estado de alarma sanitaria e o conseguinte período de confinamento.
En todo caso, para finais de 2020 está previsto un descenso de case nove puntos no índice de criminalidade, que de manterse a tendencia actual se pode situar en menos de 26 delitos por cada mil habitantes, cando en 2019 quedou fixado en máis de 34 delitos por mil habitantes.