A Subdelegación do Goberno en Ourense informa da licitación para a conservación e restauración de tres libros manuscritos do Arquivo Histórico Provincial
11/08/2020
Os manuscritos obxecto do contrato son o Foral de varios Partidos Xudiciais, o Tombo ou Declaración da Facenda de San Clodio e o Libro de Bodega do Mosteiro de San Clodio
O orzamento ascende a 87.849,03 euros (impostos engadidos)
A Subdelegación do Goberno en Ourense informa do inicio formal do procedemento de licitación para a conservación e restauración de tres libros manuscritos do Arquivo Histórico Provincial.
O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio desta contratación, responsabilidade da Xunta de Contratación do Ministerio de Cultura e Deporte, para a que destina un orzamento total de 87.849,03 euros (IVE engadido) e un prazo de execución de sete meses, incluída a redacción da memoria final. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 10 de setembro.
O obxecto do contrato é a restauración e a conservación dos manuscritos correspondentes ao Foral dos Partidos Xudiciais de Santa Cristina, Luintra, Santo Estevo de Ribas de Sil, Rosende, Pombeiro, Vilar, Toubes e Sobradelo, datado entre 1566 e 1585 e que consta de 461 folios; ao Tombo ou Declaración da Facenda de San Clodio, datado no século XVIII, composto por 497 folios; e ao Libro de Bodega do Mosteiro de San Clodio, datado entre 1671 e 1835, formado por 255 folios divididos en 12 pequenos cadernos.
Como criterios de intervención para este tipo de obras establécese un tratamento de restauración que respecte ao máximo a súa identidade, estrutura e elementos orixinais, pero que logre estabilizar os danos, frear os mecanismos de alteración e que permita a súa consolidación, garantindo a manipulación segura dos exemplares, ademais de devolverlles a súa funcionalidade. Dado o mal estado de conservación das obras, o grao de actuación terá que ser máis completo para asegurar a estabilidade e funcionalidade dos libros.
METODOLOXÍA E MEDIOS HUMANOS
O contrato inclúe a documentación gráfica detallada dos procesos de traballo iniciais, de proceso e finais; o estudo histórico dos bens e do seu contido para a súa contextualización cronolóxica e cultural; a proposta concreta de intervención para a estabilización dos danos; a realización dun sistema de protección individual e a medida para cada libro; e a elaboración dunha memoria técnica final da intervención realizada.
Dadas as características dos manuscritos, o equipo de traballo estará integrado por un equipo técnico composto por dous conservadores-restauradores de Bens Culturais, con titulación oficial emitida polas Escolas Superiores de Conservación e Restauración de Bens Culturais ou ben polas Facultades de Belas Artes, especialidade en Restauración.
Os traballos complementarios serán levados a cabo por un técnico en imaxe e son especializado na produción de audiovisuais de contido cultural e por un historiador especializado en Idade Moderna-Contemporánea e Arquivística e Documentación, ambos con experiencia en intervencións de conservación do Patrimonio Cultural.