O subdelegado do Goberno en Ourense recibe á nova directora provincial de MUFACE

06/04/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, recibiu esta mañá á nova directora provincial da Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (MUFACE) en Ourense, Laura Velázquez Santiago.

O seu nomeamento foi publicado no BOE o pasado 25 de marzo, incorporándose ao posto no día de hoxe. Durante o encontro, Emilio González desexoulle unha frutífera etapa no seu novo desempeño profesional á fronte de MUFACE, organismo público encargado de xestionar a asistencia sanitaria e social ao colectivo de funcionarios adscritos.

A nova directora de MUFACE en Ourense é licenciada en Dereito pola Universidade de Valladolid e conta cun máster universitario en Dereito Penal pola Universidade de Salamanca e cun Posgrao sobre a Unión Europea na Escola Diplomática.

Laura Velázquez exerceu nos anos 2015 e 2016  como xurista de Institucións Penitenciarias nos centros penitenciarios de Madrid V (Soto del Real) e Las Palmas I (El Salto del Negro). Entre os anos 2016 e 2019 desempeñou o cargo de subdirectora de Tratamento e Xestión no Centro de Inserción Social de Palma de Mallorca e dende o ano 2019 mantiña a súa praza de xurista no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar.

Así mesmo, participou como docente no curso formativo do Corpo de Axudantes de Institucións Penitenciarias nos anos 2017, 2018 e 2019 impartindo os módulos relativos a Dereitos fundamentais e garantías e Medio aberto, penas e medidas alternativas e acción social. No ano 2019 tamén formou parte do grupo de traballo na Secretaría Xeral de Institucións Penitencias para a elaboración da normativa reguladora do medio aberto penitenciario.