DISCURSO DO DELEGADO DO GOBERNO EN GALICIA, ANTÓN LOURO, NA GALA DOS PREMIOS DOLMEN DE OURO DA FEB

15/10/2010

Permitídeme que comece a miña intervención felicitando efusivamente ás empresas galardonadas esta noite co Dolmen da Federación de Empresarios do Barbanza e, en especial, a empresa que recibiu o Dolmen de Ouro. Unha felicitación que fago estensiva aos seus directivos e empregados, aos verdadeiros artífices e destinatarios deste premio. Entendo que cando os galardóns os otorgan os compañeiros, veñen acompañados dunha satisfacción engadida.
Os premios que hoxe entregamos supoñen, como acabo de dicir, o recoñecemento do mundo empresarial do Barbanza hacia ás súas propias empresas.

Quizais esteamos a falar dunha das zonas de Galicia nas que a actividade empresarial sexa máis dinámica.

A comarca do Barbanza e os seus empresarios veñen de pasar na última década por unha gran transformación e hoxe podemos visualizar con orgullo, e tamén certa envexa, un tecido produtivo e empresarial consolidado. Que soubo adaptarse aos novos retos do comercio internacional e que, nunha época difícil como é a da crise que estamos a vivir, mantén a súa actividade coas mesmas teimas que o viron nacer: prosperar empresarialmente e mellorar as condicións socioeconómicas da comarca.


Rodeado como estou de empresarios e empresarias, debo insistir na confianza que o Goberno de España ten hacia vós, como piar fundamental que sodes para a recuperación da senda do crecemento neste país.

Nesta loita diaria contra os efectos perniciosos da crise, quero reiterar a vontade de colaboración e de apoio que vos ofrecemos dende a Administración e os sectores públicos empresariais. Sabedes que estamos a facer un esforzo adicional, moi serio, non só para garantir unhas contas públicas saneadas, senón para instalar un novo modelo produtivo máis moderno, sostible e aillado das oscilacións económicas mundiais.

Como xa dixen, para o Goberno esta transformación debe vir necesariamente da man dos nosos empresarios. E non falo só das grandes corporacións, senón, sobre todo, dos pequenos e medianos empresarios. Daqueles que dan emprego e riqueza nas cidades pequenas e nas comarcas, como é Ribeira e como é a Barbanza. En definitiva, os que hoxe ocupades gran parte deste auditorio.

Porque, ao igual que o fixéchedes nos últimos anos, en pasadas crises, será o esforzo e o entendemento entre todos a principal arma para saír deste momento difícil para a nosa economía. Contades co apoio do Goberno, como empresarios do Barbanza e como cidadáns galegos que sodes.

Hai uns días presentábase no Congreso dos Deputados o proxecto de lei dos Orzamentos Xerais do Estado e nese documento inclúese unha desas mostras das que falaba anteriormente.

Nun momento de recortes orzamentarios, o papel de Galicia nos orzamentos do próximo ano a nivel nacional sae reforzado. Galicia acumula o 9,3 por cento do total do orzamento territorializado do Estado, moi por riba do que aporta ao Estado en poboación e renda. É dicir, Galicia e os galegos gañamos peso no conxunto dos orzamentos.

A falta da aprobación final parlamentaria, os Orzamentos Xerais do Estado do ano 2011 reservan directamente para a nosa comunidade 1.550 millóns de euros. E con esta cifra, refírome a investimentos produtivos que son os que máis directamente van dinamizar a economía de Galicia.

Deste total, as infraestruturas do transporte, tan necesarias para o desenvolvemento socioeconómico do país, acumulan case 1.400 millóns de euros de orzamento dispoñible.

Con isto, Galicia convértese na comunidade española que recibe máis fondos para o transporte en relación á súa aportación ao Produto Interior Bruto nacional. E sen contar co importante investimento a través da colaboración público-privada que permitirá licitar o AVE galego mantendo os compromisos do Pacto do Obradoiro.

O Goberno, pois, segue a confiar en Galicia e segue a apostar pola súas comunicacións, pola súa modernización e, por tanto, polo seu tecido produtivo.

Esta comarca do Barbanza non está allea aos investimentos estatais. Nos dous últimos anos, os concellos barbanzanos recibiron máis de 35 millóns de euros dentro dos Fondos Locais de Investimento, que se empregaron en obras e actuacións que, a día de hoxe, todos disfrutamos.

Xunto a estes investimentos, quixera destacar a mellora dos espazos costeiros con 6,5 millóns de euros en actuacións xa visibles, como son a restauración do pazo da illa de Sálvora ou a rexeneración da praia de Barraña. A eles se unirá a rexeneración da ría de Noia, que, se se cumpre o que todos desexamos, traerá un investimento superior aos tres millóns de euros.

No que respecta aos compromisos orzamentarios para o próximo ano, quero subliñar as partidas para o ámbito cultural da comarca e para a apertura á cidadanía de novos espazos. Estou a falar do Pazo de Goiáns, en Boiro; do Museo do Mar, en Porto do Son e do Museo do Mar e Escola de Actividades Náuticas en Muros. Novos equipamentos que enriquecerán a xa de por si ampla oferta cultural e de ocio desta comarca.

Non quero estenderme máis. Permitídeme que non peche o acto sen felicitar de novo aos premiados, á Federación de Empresarios do Barbanza e a todos os seus asociados porque, como ben dixen antes, sodes fornecedores desa recuperación pola que todos traballamos e que todos desexamos.